

O Instituto de Estudos Carballiñeses (IEC) convocou un acto cultural de gran relevancia para o próximo sábado, 28 de xuño, no salón de actos do Casino do Carballiño. O evento, organizado polo director da entidade de investigación, Avelino Muleiro, e o seu equipo directivo, incluirá a presentación do número 43 de revista “Ágora do Orcellón” e do libro “Na procura de Ruliño”, escrito por Ana Isabel Rodríguez e no que fai un relato histórico da tradición teatral dos monicreques. Ademais, farase a entrega do Premio á Excelencia Mundial “César Vallejo” 2024 a Josi Lage, actriz e socia do IEC.
A cerimonia, que comezará ás 12,00 horas, promete ser un encontro enriquecedor para os amantes da cultura e as artes. A revista “Ágora do Orcellón”, unha publicación de referencia no ámbito académico e cultural, chega á súa edición número 43, consolidándose como un espazo de reflexión e divulgación. Pola súa banda, Ana Isabel Rodríguez profundiza no seu libro “Na procura de Ruliño” na tradición dos monicreques, unha arte que deixou unha profunda pegada na cultura galega e universal. A tamén secretaria do IEC foi pioneira no Carballiño na introducción de montaxes escénicos con monicreques, nos primeiros anos de andaina da Agrupación Cultural Avantar, que cumplíu as súas vodas de ouro o ano pasado.
O momento máis emotivo do acto será a entrega do Premio “César Vallejo 2024” a Josi Lage, recoñecemento que destaca a súa traxectoria excepcional no mundo da interpretación. A actriz nada en Arcos, foi oficialmente galardoada na modalidade artística, tendo en conta a súa traxectoria profesional de máis de tres décadas dedicadas á arte escénica nas súas múltiples facetas -interpretación, dirección, docencia e compromiso social- ademais de encarnar os valores de excelencia, solidariedade e compromiso cultural que distinguen a este premio
O evento estará amenizado pola recoñecida artista Maria do Ceo, quen, acompañada dos seus músicos, poñerá o broche musical a unha xornada que celebra a creatividade e o talento. A cita é unha oportunidade única para gozar da cultura na súa máxima expresión.