O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, que preside Concha Iglesias, celebrará mañá, día 26, ás 19,00 horas, a súa tradicional gala de entrega dos Premios D.O. Ribeiro, que este ano chegan á súa XIV edición. A cita, do mesmo xeito que as máis recentes convocatorias, terá lugar no restaurante A Carballeira de Santa Cruz, na localidade ourensá de Santa Cruz de Arrabaldo, e contará coa presenza da conselleira de Medio Rural, María Jesús Gómez, entre outros moitos invitados. Nesta ocasión, a gala estará conducida polo coñecido dúo humorístico ‘Sobria y Serena’, formado polas actrices e cómicas viguesas Arantxa Treus e Jazmín Abuin, que actualmente están de xira co seu divertido espectáculo ‘El chou’.
Este ano os galardoados serán a Academia Galega do Audiovisual, que recibirá o ‘Premio de Honra’; a distribuidora e importadora de viños Maribé Revilla, ‘Premio Muller e Viño’; a Fundación Expourense, galardoada co ‘Premio Ribeiro en Nós’; a viticultora e colleiteira Elisa Collarte, que recollerá o ‘Premio Vida entre Vides’, e a revista dixital especializada en viños Vinetur, fundada por Emanuel Casais e premiada como Mellor Tarefa de Comunicación.
Ademais, tamén foron galardoados os establecementos hostaleiros Portovello (Ourense) como Mellor Taberna–Bar de Viños; Xadigal (Ourense) como Mellor Vinoteca–Tenda Especializada, e Amaragotas (Mugardos) co Premio Mellor Servizo de Viño en Restaurante.
Así mesmo e como xa vén sendo habitual, no transcurso da gala daranse a coñecer os viños premiados na Cata Oficial celebrada no Consello Regulador, e que consta de dúas fases, unha precata na que participan todas as mostras presentadas a concurso e unha cata final.