- O delegado territorial da Xunta, explicou que se trata dun certame multicultural que difunde moitos dos elementos que fan única a comarca de Valdeorras como a natureza, o enoturismo e o Camiño de Santiago
- O festival é unha proposta que encaixa co modelo turístico galego ao permitir, ademais, diversificar a oferta turística no interior de Galicia
- Desenvolverse os vindeiros 3, 4 e 5 de xullo co apoio da Xunta no marco dos Concertos do Xacobeo
Ourense, 24 de xuño de 2025.- O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, acompañado do alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García, presentou esta mañá a novena edición do Festival Silfest Valdeorras, que se celebrará os vindeiros 3, 4 e 5 de xullo co apoio da Xunta de Galicia no marco dos Concertos do Xacobeo.
Trátase –explicou o delegado territorial- dun certame multicultural que nestes anos foi quen de mover preto de 11.000 persoas e difundir moitos dos elementos que fan única esta comarca como a natureza, o enoturismo e o Camiño de Santiago. Neste sentido, Manuel Pardo destacou que se trata dunha proposta que encaixa co modelo turístico galego ao permitir, ademais, diversificar a oferta turística no interior de Galicia.
O representante do Goberno galego agradeceu á organización a súa aposta e animou a aproveitar esta celebración para coñecer a comarca, na que haberá música en directo, tanto popular como tradicional, mesturada con gastronomía que aposta pola promoción dos produtos da contorna, poñendo en valor as catas dos viños da Denominación de Orixe de Valdeorras e na que tamén se promoverá o patrimonio da man do Camiño de Inverno.
Durante estes días haberá xogos tradicionais, actividades infantís e música a cargo, entre outros Herdeiros da Crus, Repion, Biznaga, ou Celia Becks.
Concertos do Xacobeo
A Xunta de Galicia continúa firme na súa aposta por posicionar á comunidade galega como destino turístico de grandes eventos musicais a través dos Concertos do Xacobeo, un programa amplo e plural impulsado por Turismo de Galicia que dá cobertura a todas as grandes e máis singulares citas e espectáculos musicais en 2025, como o SilFest. En total son máis de 120 festivais, ciclos e concertos imprescindibles en máis de 70 localidades de toda Galicia.
Na provincia da Ourense, Concertos do Xacobeo suma preto dunha vintena de eventos. Entre as figuras que visitarán Ourense estes meses da man dos Concertos do Xacobeo, cítanse Justin Quiles, Carlos Núñez, Sés, Jethro Tull ou Los Secretos, entre moitas outras.