O Concello de Ribadavia deu un paso decisivo cara á transformación da súa Praza de Abastos coa aprobación, en sesión plenaria da Corporación Municipal, da contratación da redacción do proxecto de execución da reforma do edificio, así como dun estudo para o traslado e a creación de postos temporais de venda mentres duren as obras.
Esta contratación será un dos destinos dos 50.266 habilitados onte, no pleno, mediante unha modificación de crédito, para investir tamén na adquisición dun tractor (cunha subvención da Deputación) ou no arranxo das rúas de Portalaxe que son límite entre o Concello de Ribadavia e o de Melón e que serán financiadas con cargo a unha subvención da Xunta e con achegas propias.
En canto a reforma da Praza de Abasto, esta actuación será posible grazas á subvención concedida pola Dirección Xeral de Consumo da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, no marco do programa para o impulso dunha rede de mercados excelentes e a revitalización das prazas de abastos. O orzamento base de licitación é de 59.870 euros, dos cales a Xunta achega 47.896 euros e o Concello 11.974 euros.
O anteproxecto, redactado polo estudo Blancotouza Arquitectos, recolle unha intervención ambiciosa sobre o edificio actual da Praza de Abastos, construído en 1929 e situado na rúa Progreso. A proposta céntrase en mellorar o comportamento enerxético, a accesibilidade interior, a calidade arquitectónica e a relación co espazo público, sen alterar a volumetría nin a estrutura orixinal do inmoble.
Entre os elementos máis destacados da proposta figuran a reorganización interior para crear espazos máis abertos, cómodos e humanizados racionalizando a distribución dos postos e renovando a colocación da escaleira actual que agora mesmo ocupa un espazo central; a mellora da conexión entre plantas mediante a instalación dun ascensor e unha nova escaleira máis lixeira; ou unha nova distribución que favorece a integración de espazos de hostalaría na planta baixa, cunha franxa de estancia que conecta directamente co exterior. Ademais, tamén se efectuarán actuacións encamiñadas á obtención do selo de “Mercado Excelente” que outorga a Xunta de Galicia, dotando o edificio de servizos como aseos accesibles, vestiarios, espazos de almacenaxe e consignas para a clientela.
Proponse tamén a posibilidade de que as dúas áreas existentes no edificio, a do mercado e a da hostalaría, poidan funcionar con horarios diferentes, sen interferir entre ambas grazas á instalación de portas que permitan limitar o paso cando sexa necesario dunha a outra área. Todo isto sen esquecer obxectivos como a mellora da eficiencia enerxética do edificio así como unha maior humanización dos espazos.
O documento tamén contempla a posibilidade de desenvolver as obras por fases, e estima un orzamento inicial para a execución de obra e equipamento (en fase de anteproxecto) sobre o que se baseará o futuro proxecto técnico definitivo.
Segundo o alcalde César Fernández Gil, “a reforma da Praza de Abastos é unha oportunidade para revitalizar un espazo central na vida comercial e social de Ribadavia, mantendo a súa identidade histórica pero adaptándoo ás necesidades actuais da veciñanza e dos praceiros”.
O contrato para a redacción do proxecto e do estudo asociado executarase por procedemento aberto, cun prazo máximo de dous meses