O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participou hoxe en Ribadavia na presentación da campaña de dinamización comercial Merca, rasca e gaña, na que tamén estivo o alcalde do municipio, César Fernández.
Trátase dunha iniciativa promovida polo centro comercial aberto Establecementos Asociados do Ribeiro co apoio da Xunta de Galicia. A campaña desenvolverase entre o 1 e o 19 de xullo. Ademais, o 22 de xullo terá lugar a estrea da obra teatral Local local no Museo Sefardí e representacións teatrais en comercios participantes.
Gabriel Alén puxo en valor a orixinalidade da proposta e a súa capacidade de dinamización, destacando o papel fundamental que desempeñan os centros comerciais abertos na revitalización do comercio de proximidade. Nese sentido, lembrou que a Xunta de Galicia aposta decididamente por estas entidades como axentes estratéxicos dentro do Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030, que busca fortalecer o sector a través da innovación, a modernización e a dinamización comercial sostible.