https://www.facebook.com/share/v/1DdKuqiiiW
O Concello de Ribadavia conmemorou o pasado sábado o Día Internacional do Orgullo cunha programación festiva e reivindicativa, poñendo así o broche de ouro á programación de actividades celebrada na vila ao longo de todo o mes de xuño. Así, a contorna da Fonte da Prata transformose dende mediada a tarde nun espazo de liberdade, visibilidade e celebración colectiva, cunha completa proposta artística para todos os públicos.
A xornada comezou cun espectáculo drag protagonizado por dúas artistas referenciais: Endis Neer, creadora que explora o xénero e a identidade desde o humor e a performance musical, e Carmina de Bríes, vedette contemporánea que recupera a tradición do teatro de variedades desde unha mirada transgresora e transfeminista.
Despois chegou a música en directo coa actuación de Antela, un dos proxectos máis prometedores do panorama indie galego. A banda viguesa, formada por antigos membros de Dois e Tulip, presentará os temas do seu novo EP “Mosaico Novo”, unha delicada fusión de dream-pop con ecos caribeños e saudade atlántica.
Xa pola noite e ata ben entrada a madrugada, a festa continuou cunha sesión de música a cargo de Señora DJ, referente das pistas de baile da nova escena galega e estatal. A súa mestura de disco, pop, techno e música en galego garante unha noite de celebración, baile e diversidade sen límites. A entrada será libre e non será precisa inscrición previa.
Con esta programación, o Concello de Ribadavia e a través do traballo conxunto coa súa Oficina Municipal de Información á Xuventude (OMIX), reafirma o seu compromiso cos dereitos do colectivo LGTBIQ+, apostando por unha vila máis igualitaria, respectuosa e orgullosa da súa diversidade.