A OMIX de Ribadavia promociona oportunidades de intercambios xuvenís con prazas dispoñibles

A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) de Ribadavia, no seu compromiso por fomentar a participación dos xoves en programas internacionais, ten colaborado activamente na promoción de numerosos eventos (como intercambios xuvenís, proxectos Erasmus+ e iniciativas do Corpo Europeo de Solidariedade). Ademais dos proxectos xa promocionados, aínda quedan prazas disponibles nalgunhas destas iniciativas, brindando aos xoves de Ribadavia e a súa contorna a posibilidade de vivir experiencias únicas en Europa.

Unha destas experiencias é o intercambio xuvenil ‘Eu.you.go IV-European Youth Goals’, que se desenvolverá do 21 de xullo ao 1 de agosto na localidade portuguesa de Ferreira do Alentejo, e para o que está dispoñible unha praza para mozas e mozos de entre 18 e 25 anos. A inscrición pode formularse en @omixribadavia (Instagram) ou en omix.ribadavia@gmail.com (Internet).

Tamén hai disponiblidade doutras tres prazas para o curso de formación “Between the lines-Writing the unwritten stories”, que terá lugar en Vinci (Toscana, Italia) do 23 ao 31 de agosto. Esta actividade consiste en obradoiros prácticos para o desenvolvemento de habilidades narrativas.

Outro proxecto, neste caso de voluntariado en centros para persoas con diversidade funcional, mocidade en risco e persoas sen fogar, é ‘Inclusión&Solidariedade en acción (ESC)’, para o que hai dúas prazas libres e que se desenvolverá ao longo de 10 meses dende setembro do presente ano na cidade italiana de Turín.

Ademais, os xoves poden participar no ‘CES 4 EYG’ (European Youth Goals), con dúas quendas, do 7 de xullo ao 8 de agosto (equipos de voluntariado), e do 23 de xullo ao 21 de agosto (voluntariado individual). As prazas son limitadas e abertas a xoves de 18 a 30 anos.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------