40 persoas poñen rumbo a París co programa de viaxes de ocio e cultura de Afundación para maiores de 55 anos

I Visitarán a capital francesa desde o 8 ao 12 de xullo

I Ata hoxe, 250 persoas gozaron da programación de viaxes da Obra Social de ABANCA visitando Málaga, Lisboa, Navarra, Budapest, Puglia e Islandia

I Trátase dunha actividade altamente demandada, enmárcase nas propostas de ocio activo e relacional promovidas pola entidade

04.07.2025. Continúa o programa de viaxes de lecer e cultura para persoas maiores de 55 anos deste ano 2025, organizado por Afundación, a Obra Social de ABANCA. Ata hoxe, 250 persoas gozaron da experiencia de viaxar con este programa que combina o descubrimento de patrimonio cultural, a visita de paisaxes únicas e oportunidades de convivencia. Visitaron tanto destinos nacionais coma internacionais, desde Málaga, Lisboa ou Navarra ata Budapest, Puglia ou Islandia.

O vindeiro martes 8 de xullo 40 persoas partirán cara ao seguinte destino, París. Estarán ata o día 12 e visitarán os seus lugares máis destacados, coma o Palacio de Versalles, o Arco do Triunfo, Notre Dame ou a Basílica do Sacro Corazón. O programa continuará a partir de setembro con cinco novos destinos. Un total de 190 persoas poñerán rumbo a Usbequistán, Istambul, Xapón e realizarán un cruceiro polo Danubio. Destacan especialmente dous destinos que xeraron gran interese e demanda, Xapón, ao que viaxarán 79 socios e socias dos Espazos +60 Afundación, e Istambul, con 93 participantes.

Así, prevese pechar o ano cun total de 482 participantes neste programa de Afundación, o que demostra o gran interese dos socios e socias dos Espazos +60 por estas propostas que combinan a cultura e o lecer de calidade, tanto dentro coma fóra das nosas fronteiras.

Todas as viaxes inclúen o desprazamento desde os Espazos +60 ata o aeroporto, ida e volta; voos con taxas incluídas, hoteis de tres e catro estrelas con pensión completa, guía acompañante e guía local, con audioguías individuais para as visitas, e seguro de viaxe e cancelación.

A Obra Social de ABANCA comezou a incluír as viaxes na súa programación de actividades no 2016. Ademais do turismo e do coñecemento de destinos de interese en todo o mundo, as viaxes están pensadas para apoiar a dinamización das relacións entre participantes. Dous membros do equipo de Afundación acompañan ás persoas viaxeiras en cada destino.

Entidade de referencia no traballo en envellecemento activo

Os programas grupais da Área de Maiores de Afundación fomentan a socialización, a aprendizaxe ao longo da vida, o benestar, o desenvolvemento persoal e o aproveitamento da experiencia vital e profesional das persoas maiores a través de proxectos interxeracionais e de voluntariado.

Toda esta proposta programática impúlsase desde os once Espazos +60 cos que a Obra Social de ABANCA conta en toda Galicia. Con vocación inclusiva e innovadora,  deséñase poñendo no centro as persoas maiores, codiseñando con elas as propostas nas que participan, para contribuír a erradicar o idadismo, seguir avanzando cara a unha sociedade libre de estereotipos cara ás persoas maiores e poñer en valor as súas experiencias a través de iniciativas colaborativas e formativas.

A programación céntrase en tres ramas principais: a aprendizaxe permanente, a promoción da saúde física, emocional e relacional, e a contribución social a través do voluntariado.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------