A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT) reforza na súa edición de 2025 o compromiso coa formación e a creación colectiva a través de tres obradoiros dirixidos a persoas con ou sen experiencia previa, que se desenvolverán entre o 19 e o 23 de xullo. Dúas destas actividades son de balde e están organizadas pola propia MIT; a terceira é promovida grazas á colaboración coa Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG).
Unha 41ª edición da MIT que está cada vez máis preto e para a que hoxe mesmo se abriu a venda de entradas individuais.
Obradoiro “Os passadores”. Patrícia Portela
Así, do 19 ao 21 de xullo terá lugar o Obradoiro “Os Passadores” coa directora de escena e autora portuguesa Patrícia Portela e grazas á colaboración do Centro Dramático Galego. Persoas de todas as idades e procedencias poderán participar neste Obradoiro creativo centrado na construción de narrativas sonoras e performativas. Un curso que forma parte do proceso de creación de “Os Passadores”, un proxecto artísitico transfronteirizo entre o norte de Portugal e Galicia e que culminará cun espectáculo de rúa con características radiofónicas.
Este proxecto parte de historias reais de contrabando, exilio e emigración que tiveron lugar entre a Guerra Civil española e a Revolución dos Cravos en Portugal. A través destas historias, Portela propón reflexionar sobre a idea de frontera, identidade e liberdade, conectando con pasado e presente. Ao finalizar o Obradoiro farase unha presentación performativa informal, en formato de camiñada narrativa en galego e portugués e compartindo co público os materiais creados.
Laboratorio “Pan, nubes e chocolate”. Colectivo A Volátil
Ademais do de Portela, a Ribadavia chegará do 19 ao 22 de xullo o Laboratorio de Teatro Comunitario “Pan nubes e chocolate” da man do colectivo galego-andaluz A Volátil, que se estrea ademais, como formación, no marco da MIT 2025. Un curso aberto tamén a todas as veciñas e veciños de Ribadavia así como a toda persoa que queira achegarse. Neste curso intensivo recuperaranse memorias esquecidas, voces silenciadas e emocións compartidas para transformalas neste laboratorio. Historias que nunca fosen contadas en voz alta, memorias que quedaran gardadas detrás dunha porta. A través do teatro comunitario, a Volátil convidará a crear, compartir e subir ao escenario cun equipo artístico que realiza un proceso de acompañamento en todo o proceso. Inrene Moreira, directora de escena e doutorada en teatro comunitario pola UVigo estará acompañada pola actriz e creadora Rosa Romero e, tamén, por Álex Sobrino, actor e creador multidisciplinar. Xuntos presentarán ás asistentes unha nova maneira de facer teatro, onde investigación e desenvolvemento coa comunidade e coas súas historias fundamentan a creación.
Este laboratorio rematará cunha presentación escénica aberta ao público dos materiais traballados coas persoas participantes e rescatados da memoria durante todo o proceso.
Obradoiro “El desenterrador”. Societat Doctor Alonso
O terceiro dos obradoiros propostos pola MIT é “El desenterrador”, con Sofía Asencio e Tomás Aragay (de Societat Doctor Alonso) e que conta coa colaboración da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG). Unha actividade que decorrerá o 20 de xullo (de 16.00h a 19.00h) no Club Artístico de Ribadavia e que pretende non ser un Obradoiro ao uso, senón un proxecto de creación arredor do corpo e as palabras, que quere indagar na estreita e cambiante relación que se produce entre as palabras e o seu uso, e así mesmo, as accións que delas se derivan. “El desenterrador” pon a mirada na palabra, na súa corpoloxía e na súa relación co corpo e a acción. Como o seu nome indica, é unha ferramenta que serve para desenterrar palabras en sentido real e figurado. A corpoloxía das palabras é aquela propiedade que tende non só de crear e sinalar o mundo físico, senón a de xerar un mundo ético, un sistema político e unha orde social