Manuel Herminio Iglesias
Nos tempos que corren semella que os narcisos e ególatras con un punto de tolemia son os que acceden o poder e que, unxidos maiormente polos votos dos cidadáns, están a levar ó planeta a unha situación case prebélica.
Hai quen di que a historia repítese ciclicamente, e que coa tensión que se produce na sociedade unha parte moi importante presume que o que acontece é o preludio de que algo moi malo se coce para todos.
As normas e leis supranacionais así como as institucións internacionais e os pronunciamentos que delas saen nunca se fan efectivos. E a lei da forza imponse sobor dos argumentos que falan de dialogo e de paz entre os pobos.
Hoxe podemos ver como no canto dos bloques que antano dominaban a escena política: comunismo e capitalismo, esas ideoloxías foron relevadas por un liberalismo que marca toda acción política. Agora agroma con máis forza o imperialismo. Sí, a pretensión de controlar a economía co afán de ter influencias e control sobor da maior parte de países do mundo.
A todo o dito hai que sumarlle que os enfrontamentos ideolóxicos dos que loitan por un liberalismo sen control fronte os que avogan por unha socialdemocracia na que o Estado ten parte de intervención, axudan a que os cidadáns tamén se dividan en bloques case sempre enfrontados.
E eso podémolo ver con moita claridade no noso Estado onde o insulto gañoulle a partida o argumento, e o diálogo nin está nin se lle espera. Pois, a día de hoxe, non se confrontan propostas, non. Non se buscan consensos en materias que afectan e moito a unha sociedade que precisa de acordos moi amplos. Hoxe soamente se insulta. A frase manida: “Y tú más” é a que se escoita con moita frecuencia. Os políticos dun mesmo partido xa non se atreven a discrepar publicamente coa liña oficial, pois se algún o fai seguro que non sae na foto ou non vai na lista nos seguintes comicios.
Hai uns días escoitamos á presidenta de Madrid, que seica se sinte insultada, cando ela esquece que insulta o goberno chamándolle mafia, goberno tirano e corrupto ou di que vivimos nun estado policial. E todos os demais do seu partido rinlle a gracia e danlle a razón, incluso Feijoo que se presentaba meses atrás como un moderado. O insulto campa xunto á banalización das verbas e o seu significado. Pois fálase de ditadura ou de corrupción total cando moitos dos que falan debían estar calados e moi calados; dado que non son exemplos de nada. E diante este panorama onde soamente se escoitan verbas de mal gusto, trolas e medias verdades, a xente toma partido e a sociedade divídese dunha maneira que tensan incluso as relacións entre amigos e veciños.
Os países nos que a democracia existe caeron na man dun populismo que, sen escrúpulos, aspira ó poder a calquera prezo. A democracia estase convertendo nun réxime moi fráxil que sofre ataques dende dentro do seu propio ser. E todo axudado por eses medios que sen pudor manipulan verdades e unha redes sociais que cuestionan os principios básicos do respecto e dunhas normas éticas que debían ser protexidas e coidadas. Nestes tempos, mediante a manipulación e a manía de cuestionar case todo, chegan ó poder verdadeiros psicópatas que branquean o pasado máis escuro da humanidade como foi o nazismo e o que significou Hitler na recente historia do mundo. Que podemos esperar de persoas como Trump que é un narciso, un ególatra e un golpista; que podemos esperar de Putin que encadea á oposición e invade un pais soberano ó que manda mercenarios a loitar; que pode ofrecer un Milei que ó falar soamente insulta; que exemplo é Maduro que ignora o mandato dos cidadáns; ou Netanyahu que arrasa Palestina e ó Líbano e pasa polo forro as resolucións das nacións unidas. E poderíamos seguir nomeando máis destes persoeiros. En fin, cando o insulto no canto do argumento borra do mapa os principios éticos e morais básicos nos que se asenta a sociedade democrática, cando todo vale con tal de chegar ó poder, mal imos.
Outros artigos de Manuel Herminio Iglesias
Tempo de charlatáns e predicadores
Non todo vale pra acadar o poder
Ditadores coa faciana de demócratas
A opinión de Manuel Herminio: “Enfurruñados ou riquiños”
Quen fala dos problemas desta terra?
Asaltar o ceo contra o pracmatismo
A fantasía e o consumismo no Nadal
Feijoo e as maiorías absolutas
Descoñecen o que berran e chantean?
Lavándolle a faciana a extrema dereita
Moita enerxía sen rentabilidade
Ourense: Sen obxectivos nin proxectos
Ourense, por riba das ideoloxías
Vandalismo, botellóns e desleixo
Dúas maneiras de actuar na política