BNG exixe a restitución íntegra dos servizos ferroviarios na Liña do Miño

Carme da Silva sinala como insuficientes os servizos actuais e demanda ao Goberno actuar para incentivar o uso deste tipo de transporte a través de servizos adaptados ás necesidades da poboación

Madrid, 7 de xullo de 2025. A senadora do BNG, Carme da Silva, vén de presentar novas iniciativas para reclamar ao Goberno do Estado a recuperación total dos servizos ferroviarios na Liña do Miño, que conecta Vigo con Ourense e que está considerada como unha liña de Obriga de Servizo Público (OSP). A formación nacionalista denuncia que, malia que o Ministerio de Transportes foi restituíndo parcialmente algúns servizos suprimidos durante a pandemia da COVID-19, a situación segue lonxe de normalizarse, especialmente nas comarcas de Valdeorras e do Ribeiro.

A senadora do BNG, Carme da Silva, critica que “cinco anos despois do comezo da pandemia, o Goberno do Estado segue sen restituír todos os trens que operaban diariamente até marzo de 2020, o que supón un agravio para as comarcas afectadas e unha mostra máis do abandono do ferrocarril interior na Galiza”.

A día de hoxe, só circulan dous trens por sentido entre Vigo e Ourense: un con saída de Ourense ás 10:05h e chegada a Vigo ás 12:05h, e outro con saída ás 22:05h e chegada ás 23:46h. A situación contrasta cos oito trens diarios por sentido que funcionaban até 2020, cubrindo necesidades de mobilidade fundamentais da poboación. Entre os servizos eliminados destacan o tren matinal desde Vigo a Ponferrada con parada en múltiples estacións intermedias, o servizo de volta desde Ponferrada a Vigo pola tarde, o tren durante o día a Irún que actuaba como tren de media distancia, e un servizo vespertino desde Ourense a Vigo.

“Non estamos a falar de trens turísticos nin de luxo, senón de servizos básicos para as comarcas do interior galego. A xente de Valdeorras pasou de ter seis trens a só dous, Ribadavia reduciuse de tres a un e Barbantes ficou directamente sen ningún servizo. Isto non é aceptábel nunha liña que o propio Estado recoñece como de servizo público” subliña Da Silva.

A nacionalista denuncia que “os recortes non só empeoran a mobilidade, senón que fomentan o uso do vehículo privado, van en contra do impulso ao transporte colectivo e agravan o illamento das zonas do interior”. Engade ademais que os horarios actuais non responden ás necesidades reais da poboación, nin permiten compatibilizar os desprazamentos con actividades laborais, educativas ou administrativas.

“A Galiza precisa unha política ferroviaria centrada no territorio e nas persoas, non no abandono das zonas rurais e periféricas. Desde o BNG seguiremos esixindo que se restitúan todos os servizos e se poñan en marcha frecuencias e horarios que realmente sirvan á cidadanía” reclama Carme da Silva.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------