As camisetas que opten ao concurso desta ‘LXIII Festa do Pulpo’ deberán ter un deseño inspirado na cultura italiana

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O Concello do Carballiño vén de abrir o prazo para participar no tradicional concurso de deseño de camisetas con motivo da Festa do Pulpo, que este ano celebra a súa 63ª edición cunha temática dedicada ao país convidado: Italia.

COMERCIAL ORCELLÓN

Esta iniciativa ten como finalidade fomentar a creatividade e a participación da veciñanza, especialmente da mocidade, nun dos eventos máis emblemáticos do municipio. Os deseños presentados deberán estar inspirados na Festa do Pulpo e na cultura italiana, podendo incluír debuxos, imaxes, palabras, frases, números ou calquera outro elemento gráfico. As propostas poderán aplicarse sobre camisetas de calquera cor, tanto na parte dianteira como traseira.

O certame está dirixido a todos os colectivos que o desexen —asociacións xuvenís, culturais, veciñais, grupos informais, centros educativos ou pandillas de amigos— sen límite de idade, sempre que a persoa responsable do grupo sexa maior de idade. Cada agrupación poderá presentar un único deseño.

O concurso establece tres premios principais: un primeiro premio de 300 euros, un segundo premio de 200 euros e un terceiro de 100 euros. Ademais, todos os deseños que cumpran os requisitos recollidos nas bases recibirán unha compensación de 60 euros, sempre que non se esgote o crédito dispoñible. No caso de superarse o orzamento, terase en conta a orde de inscrición.

As persoas interesadas poden recoller a ficha de inscrición no Departamento de Cultura do Concello e presentar a súa proposta no rexistro municipal ata o día 6 de agosto de 2025, en horario de 9,00 a 14,00 horas. Para máis información, están dispoñibles os teléfonos 988 530 007 (extensión 329) e 662 198 615.

O Concello do Carballiño anima á participación neste concurso, que cada ano contribúe a dar cor, identidade e entusiasmo á Festa do Pulpo, unha das celebracións gastronómicas máis recoñecidas de Galicia.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------