As veciñas e veciños da localidade de Feás están a promover unha merecida homenaxe a Ramón Veloso Bello, en conmemoración do medio século que cumpre ao fronte desta parroquia do municipio de Boborás. O acto de honra levarase a cabo ás 13,15 horas do vindeiro domingo, 20 de xullo, na mesma igrexa parroquial de San Antonio, coa presenza de autoridades políticas e eclesiásticas, veciñanza e amizades.
Don Ramón leva 50 anos como responsable da parroquia de San Antonio de Feás, que abarca os núcleos de Feás, Borraxas, As Costiñas, O Curro, A Vesada, Vilachá e A Fenteira, que supoñen unha poboación aproximada de 400 habitantes. Foi un dos impulsores da xa tradicional “Festa do Neno”, un ciclo especial de activiades lúdicas para a cativada, que foi incorporado ao programa das festas do Sagrado Corazón e do Neno Xesús, e que este ano chega a súa 41ª edición.
Os festexos celebraranse os días 26 e 27 de xullo. O sábado 26 abrirase cun pasarrúas da charanga Xuntanza, antes da misa solemne e procesión do Sagrado Corazón e un concerto da banda de música de Boborás. A charanga Leña Verde será a encargada de amenizar a xornada, na que non faltarán as actividades da ‘Festa do Neno’ cunha carreira de bicicletas, un maratón, unha festa da espuma e inchables acuáticos.
O domingo 27 será o turno do pasarrúas da banda de música de Celanova, que ofrecerá un concerto pola tarde, e o oficio da misa solemne e procesión na honra do Neno Xesús. Pola tarde haberá inchables, xogos infantís, unha merenda e a entrega de medallas aos participantes nas actividades. A orquestra Panorama e a Disco Apocalipsis protagonizarán a verbena.