O carballiñés Roberto Pascual recollerá o Premio de Honra da MIT de Ribadavia o vindeiro venres

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O carballiñés Roberto Pascual recollerá o vindeiro venres o Premio de Honra da Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia, da que foi director dende o 2009 ao 2024, unha importante etapa na que soubo facer do festival un evento de referencia tanto para a profesión e a cultura galega como para a escena internacional. Nestes anos, o festival avanzou e situouse entre os máis prestixiosos festivais de teatro, en diálogo con compañías, redes e circuitos escénicos de primeiro nivel. Á vez, mantivo o carácter comunitario, identitario e arraigado no espírito transformador e renovador dos seus inicios históricos, alimentando o valor da cultura como piar esencial para a cidadanía.

Este galardón instaurouse no ano 2000 co obxectivo de recoñecer publicamente a colectivos ou persoas notoriamente responsables do progreso e do bo labor nas artes escénicas galegas, contribuíndo á modernización e democratización social e cultural. Despois de 16 anos á fronte da Mostra, Pascual deixou unha fonda pegada tanto no festival e o sector teatral como na veciñanza de Ribadavia. Con este galardón a nova dirección da Mostra quere recoñecer o seu compromiso coas artes escénicas e coa cultura galegas.

Actual vicedirector da ESAD de Galicia, Roberto Pascual é tamén membro do Consello da Cultura Galega, na sección de Xestión e Políticas Culturais. Doutor en Estudos da Literatura e da Cultura pola Universidade de Santiago de Compostela, estudou Filoloxía Galega e tamén o Posgrao en Arte Dramática. Como divulgador cultural, colabora para varios medios. Como dramaturgo, destaca a súa peza Sophie non é o meu nome de guerra, coa que obtivo o XX Premio Rafael Dieste de Textos Teatrais 2021 da Deputación da Coruña. Ten traballado en equipos artísticos como tradutor ou dramaturgo para varias compañías teatrais como ButacaZero, Teatro Oficina do Centro Cultural Vila Flor de Guimarães ou para o CDG, entre outras. Formou parte de diversas comisións e asesorías institucionais. É autor de diversos libros e artigos sobre as artes escénicas. O seu traballo na xestión cultural mereceu diversos recoñecementos, como o ‘Premio Arenteira’ de Cultura 2017 na súa terra natal, O Carballiño.

A entrega do Premio de Honra terá lugar o vindeiro venres, 18 de xullo, durante o acto inaugural desta 41ª edición. Será un dos momentos especiais da Mostra, que recoñece e celebra así a transición na dirección artística para dar paso a esta nova edición baixo o lema de “Escenas en tránsito”. Unha MIT que aposta pola contemporaneidade, a diversidade, as prácticas comunitarias, a mirada feminista e os formatos híbridos.

Con 23 espectáculos (incluídas sete estreas en Galicia), cinco obradoiros, tres residencias artísticas e máis de 10 actividades paralelas. Con especial aposta pola programación galega, presenta tamén compañías destacadas do ámbito estatal (Cris Blanco, Societat Doctor Alonso, Los Torreznos, Mal Pelo ou La Phármaco, entre outras) e a presenza internacional de Portugal (Circolando, Patrícia Portela), Italia (Parini Secondo) e Brasil (Mari Paula). Máis de 40 actividades que abordan cuestións como a memoria histórica e o seu vínculo coas historias íntimas e persoais, a identidade e o cuestionamento das fronteiras, a saúde, a disidencia, a ecoloxía ou o pensamento crítico. A tres días do inicio da MIT, continúa aberta a venda de entradas individuais, tras pechar con récord de vendas de abonos.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------