A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT) levantou onte oficialmente o telón cun acto inaugural cheo de simbolismo e emoción. O evento celebrouse á tárdiña na Igrexa da Madalena, onde se fixo entrega do Premio de Honra do festival ao carballiñés Roberto Pascual, que foi o seu director artístico da Mostra durante máis dunha década.
Alí estiveron, ademais do propio homenaxeado,o alcalde de Ribadavia, César Fernández; o director xeral de Cultura da Xunta, Anxo M. Lorenzo; o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos; o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e as actuais directoras da MIT, Sabela Mendoza e Gena Baamonde. Durante o encontro, repasouse a pegada fonda que Pascual deixou tanto na MIT como na escena teatral galega e estatal, destacando a súa capacidade para artellar unha programación crítica e contemporánea, así como para consolidar a Mostra como un espazo de referencia internacional, á vez que mantiña o carácter comunitario, identitario e arraigado no espírito transformador que rexe, dende os seus inicios, á MIT.
Durante o acto, o alcalde de Ribadavia, César Fernández, puxo en valor o gran traballo desenvolto por Roberto Pascual ao longo dos 15 anos durante os que dirixiu a MIT e agradeceu o seu compromiso, profesional e vital, con Ribadavia, “un compromiso que Ribadavia agradecerá eternamente”. Así mesmo, o alcalde quixo agradecer tamén o traballo das actuais directoras, Sabela Mendoza e Gena Baamonde, que recollen ese testemuño “cunha proposta sólida, diversa e conectada co noso tempo. A MIT é cultura, é identidade, e é tamén futuro. Desde o Concello, seguiremos apostando por unha MIT que sexa espazo de encontro, reflexión e creación compartida”.
Na súa intervención, Eladio Santos subliñou a importancia que teñen iniciativas como esta para “a dinamización social, cultural e tamén económica” das vilas e comarcas. “Quero reafirmar aquí apoio institucional e económico do Goberno á Mostra, e o noso compromiso coa cultura como dereito e como motor de cohesión”, sostivo. O subdelegado felicitou a tódalas persoas que fan posible o mantemento deste proxecto cultural durante máis de catro décadas, conseguindo o seu crecemento e adaptación ano tras ano. “Aquí hai moito compromiso, porque a MIT é unha aposta firme pola creación contemporánea, pola igualdade, pola diversidade e tamén polo rural”,subliñou, e puxo en valor que “o ciclo satélite de espectáculos nas aldeas é un exemplo claro de como a cultura pode e debe chegar a todos os recunchos do territorio”.
Pola súa banda, Anxo M. Lorenzo destacou a “ampla e diversa programación da cita” así como tamén salientou a “importancia da iniciativa para a nova creación escénica e teatral galega, ofrecendo un espazo para a visibilidade do seu traballo”.
A cerimonia pechouse cun emotivo brinde na Igrexa da Madalena, símbolo de celebración e continuidade para esta nova edición da MIT. A xornada inaugural completouse ás 23,00 horas no Auditorio do Castelo, coa representación de Grandissima Illusione, de Cris Blanco. Con esta primeira noite, a MIT 2025 deu comezo cunha potente mestura de recoñecemento, vangarda e comunidade, marcando o ton dunha edición que aposta pola diversidade de linguaxes e a conexión co presente e a comunidade.