O BNG solicita o amparo da Mesa do Parlamento ante a negativa reiterada da Xunta a facilitar información sobre as residencias de maiores de Ourense

Os nacionalistas teñen solicitado á Consellería de Política Social aceso a información relativa a expedientes de centros residenciais de Ourense  e esta é negada de maneira reiterada, vulnerando o dereito á información das deputadas e deputados

 O Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego ven de denunciar a ocultación de documentación e información por parte da Xunta de Galiza sobre a realización de inspeccións, entre outras, nas residencias de maiores Nosa Sra. Do Viso en Lobeira, así como tamén nas de Barbadás, Os Gozos en Pereiro de Aguiar ou Nosa Sra. Da Esperanza en Ourense.

Igualmente o BNG solicitou información sobre as PCRs. Realizadas a residentes e traballadores e traballadoras das devanditas residencias de maiores nos meses de xuño, xullo, agosto e setembro, e o resultado das mesmas. Información que é negada pola Xunta de Galiza.

Publicidade Premer na Imaxe

Como é ben coñecido as residencias de maiores sufriron singularmente os efectos desta pandemia, con fatais consecuencias en numerosos casos, polo que cobra extraordinaria importancia coñecer o estado no que se atopaban os referidos centros e as persoas que residen e traballan neles, así como a xestión realizada na pandemia. Información que, solicitada polo Grupo Parlamentar do BNG, é negada pola Xunta de Galiza.

Desde o BNG lembran que o dereito á información é fundamental e básico para o exercicio dos cometidos que os deputados e deputadas teñen atribuidos nun estado democrático e de dereito polo que os nacionalistas entenden que a súa vulneración atenta contra os piares básico do sistema democrático.

Desde o Grupo Parlamentar do BNG solicitan o amparo da Presidencia e da Mesa do Parlamento para que inste ao Goberno Galego a respectar aos dereitos fundamentais da cidadanía e que antepoña a saúde e benestar das persoas aos intereses das fundacións privadas.