- Dende o SLG amosamos a nosa total oposición a este acordo e animamos á poboación a trasladar estas demandas aos nosos gobernos a través da páxina web www.farmersunite.eu/
- O acordo causaría danos irreversíbeis a sectores vulnerábeis da agricultura europea e poñería en perigo a soberanía alimentaria.
Galiza, 18 de xullo de 2025. O pasado 8 de xullo, a Coordinadora Europea Vía Campesina (ECVC) -da que o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas fai parte- xunto co Consello Europeo de Xoves Agricultorxs (CEJA), o Comité de Organizacións Profesionais Agrícolas e a Confederación Xeral de Cooperativas Agrarias da Unión Europea (COPA-COGECA) e a Federación Europea de Sindicatos da Alimentación, Agricultura y Turismo (EFFAT), catro das principais organizacións europeas que representan a persoas produtoras e traballadoras do campo, enviaron unha carta conxunta instando ás persoas responsábeis políticas da Unión Europea (UE) a rexeitar o acordo comercial UE-Mercosur na súa forma actual.
Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas, como xa manifestamos en diversos comunicados, amosamos a nosa total oposición a este acordo de desregulación entre a UE e os catro países do Mercosur (Arxentina, Brasil, Paraguai e Uruguai), que privilexia nos dous continentes o modelo agroindustrial en detrimento das pequenas e medianas granxas e a agricultura labrega.
O escrito está dirixido aos Ministros de Agricultura e Comercio da UE, así como ás persoas integrantes da Comisión de Comercio Internacional do Parlamento Europeo, e advirte que o acordo causaría danos irreversíbeis a sectores vulnerábeis da agricultura europea e poñería en perigo a soberanía alimentaria na Unión Europea.
“No SLG cremos que o comercio internacional debe operar dentro duns parámetros de sostibilidade ambiental, de dereitos humanos, de dereitos laborais, de transición ecolóxica, etc, e que ademais non debe ser un obxectivo en si mesmo, xa que o obxectivo da produción de alimentos debe ser alimentar os nosos países, nonexportar sen máis”, esclareceu Xosé María García, integrante da Executiva Nacional do Sindicato Labrego Galego e labrego en San Sadurniño.”E iso é garantir a produción, a soberanía alimentaria, o coidado da terra, de sostibilidade, de arrefriamento do clima, de cohesión social e de benestar, etc, incluso en termos de seguridade nacional e orde pública“, engadiu.
Dende o SLG rexeitamos dito acordo porque a súa aplicación vai provocar competencia desleal, dumping e a caída de prezos para as pequenas e medianas persoas agricultoras europeas, ao tempo que suporía enormes problemas sociais e medioambientais nos catro países do Mercosur, en total oposición aos obxectivos do Pacto Verde e as promesas da UE no diálogo estratéxico sobre agricultura. Opoñémonos a este acordo polo impacto social e a negación da necesidade de sistemas alimentarios sostíbeis que representa, utilizando a alimentación como moeda de cambio e negociación en vez de contemplala como o que é: un dereito innegociábel para todos os pobos do mundo.
“Garantir os ingresos das labregas e dos labregos, o coidado da terra e da paisaxe, a estrutura territorial dos países, mesmo a seguridade, son obxectivos que nos levan á mesma conclusión: non ten sentido facer un tratado de libre comercio como o que se pretende aprobar entre a Unión Europea e Mercosur“, subliñou García.
Estas demandas das organizacións agrarias europeas poden ser trasladadas pola cidadanía aos nosos gobernantes a través da páxina web www.farmersunite.eu/ (traducida a dez linguas). Dende o Sindicato Labrego Galego animamos á poboación xeral a participar. Só hai que completar o formulario online con datos que alí se especifican (nome, apelidos, correo electrónico, país, código postal e se a persoa asinante é agricultora ou traballadora agrícola). Actuemos XA!