Unha moción do Bloque Nacionalista Galego (BNG) na que se solicitaba solucións polo traslado da sala de paritorios do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUOU) deixou ao descuberto as diferencias políticas entre os dous grupos que cogobernan na actualidade o Concello do Carballiño (PSdeG-PSOE e PP), na sesión plenaria da Corporación que tivo lugar na mañá de hoxe. O pleno estivo presidido de novo polo tenente de alcalde, o popular José Castro-Gil, en ausencia do titular, o socialista Francisco Fumega, e, no seu inicio, gardouse un minuto de silencio en solidariedade coas últimas vítimas de violencia machista en Galicia.
Tanto a defensora da proposta, a voceira nacionalista Sofía García, coma a concelleira de Espazo Común, Érika Paz, puxeron en evidencia a falta de previsión do Sergas no devandito traslado, deixando sen recursos e sen privacidade ás potencias usuarias deste servizo. Unha situación que foi negada pola voceira popular, Elvira Torres, que calificou de “alarmista” e “catastrofista” os plantexamentos do BNG, e defendeu os máis de 80 millóns de euros investidos pola Consellería de Sanidade no complexo hospitalario ourensán.
E por parte do grupo socialista, a concelleira de Sanidade, Silvia Baranda, subliñou que “o que me teñen trasmitido as traballadoras do CHUOU é que necesitan unhas instalacións dignas para levar a cabo a súa laboura, xa que consideran que o sitio elexido non é o idóneo”, ademais de apuntar que “as listas de espera para consultas son cada vez máis longas”, un feito que voltou a negar a propia Elvira Torres. “Coma muller de esquerdas que son teño que defender a sanidade pública”, concluíu Silvia Baranda, postura que foi eloxiada por Érika Paz, referíndose á concelleira socialista coma unha persoa “que non se vende por un pacto anti-natura”. En conclusión, a moción foi aprobada cos 10 votos maioritarios de BNG, PSdeG-PSOE e Espazo Común e os cinco votos en contra do Partido Popular.
Na mesma sesión, foi aprobada por unanimidade unha proposta de Espazo Común de apoio aos traballadores do sector da alimentación da provincia, contando coa presenza no mesmo salón de plenos con dous representantes sindicais, Manuel Carballo e Manuel Folgueira, que agradeceron á Corporación carballiñesa a súa solidariedade. Tódolos grupos votaron tamén unánimemente outra moción da mesma formación da oposición na que se rexeitan os brotes de racismo detectados últimamente a nivel de Estado, e defendendo a actitude integracionista do pobo do Carballiño.
Finalmente, foi aprobado definitivamente, co voto favorable do grupo de goberno e o rexeitamento da oposición, o regulamento de funcionamento do Conservatorio e da Escola de Música municipais, ao seren rexeitadas a meirande parte das alegacións presentadas pola ANPA deste centro e un sector do profesorado.
A Corporación carballiñesa tamén deu visto bó aos festivos locais para 2026, que se manterán no Martes de Entroido e no día de San Cibrao, patrón da vila do Arenteiro. Os voceiros dos diferentes grupos reuníronse ao remate da sesión para a elaborar un documento de apoio á plataforma cidadá que reivindica o mantemento dos servizos de circulación e parada de trens na estación da Gudiña.