
As Xornadas de Folclore comezaron onte en Bande e Allariz. Os asistentes ao festival na Praza da Constitución de Bande tiveron a oportunidade de gozar coas danzas e o os ritmos do Ballet F. Municipal de Rancagua de Chile, Royal Tara Dance Academy de Irlanda do Norte e ‘Tsumu’ de Xeorxia. E no campo da Barreira de Allariz actuaron Huayra Muyoj de Arxentina, Phicas of BC de Filipinas e Folk Dance Ensemble Volynianka de Ucraína.
O grupo que abríu estes dez días de festa cultural foi o Ballet F. Municipal de Rancagua de Chile, fundado no 2008 por unha iniciativa da Ilustre Municipalidade de Rancagua. Na actualidade conta con medio cento de integrantes, entre bailaríns e músicos, que se adican á recuperación, transmisión e posta en escena dos costumes e tradicións relacionadas co folclore do país chileno. No seu repertorio a agrupación fai un percorrido pola xeografía do país sudamericano, dende o norte até o sur, incluíndo a illa de Pascua. Tamén amosan a diversidade de manifestacións étnico-culturais que conforman a poboación chilena: o carnaval norteño, a danza afro-boliviana ou a de orixe español.
E hoxe a cita será na Rúa do Toural, de Maceda, que recibirá, ás 22,30 horas, aos compoñentes dos grupos de Chile, Irlanda do Norte e Xeorxia. O espectáculo previsto para Manzaneda tivo que ser cancelado, debido ao contexto da situación de emerxencia que padece este municipio polos incendios forestais.