As agrupacións folclóricas comezan a deixar Ourense cun sabor “agridoce” ante a situación de emerxencia

Os compoñentes das agrupacións folclóricas de Xeorxia e Ucraína, que formaron parte do programa destas 40 Xornadas xunto a Arxentina, Chile, Irlando do Norte e Filipinas, comezaron onte o regreso aos seus países de orixe nunhas despedidas cheas de emoción. O resto abandonarán a provincia ao longo de mañá mércores e o xoves, algúns para actuar en outros festivais folclóricos.

As seis agrupacións participantes este ano amosaron o seu pesar pola suspensión das actuacións, aínda que sinalaron “comprender” perfectamente a grave situación da provincia que obrigou a cancelación dos espectáculos. Bailaríns e músicos aseguraron quedar cun sabor “agridoce” coa experiencia. Por unha banda, porque non tiveron ocasión de ensinar o seu folclore, pero por outra resaltaron a “boa convivencia e a experiencia” e só expresaron verbas de agradecemento para a organización e o trato recibido.

A marcha anticipada dos grupos de Xeorxia e Ucraína, que contaban con autobuses propios, propiciou un excedente de comida que a organización xestionou para que chegase ás brigadas que loitan contra os incendios na zona do Avia.

O corenta aniversario das Xornadas non puido finalmente celebrarse como estaba previsto e dos 16 festivais organizados só tiveron lugar cinco: Allariz, Bande, Maceda, O Barco e Entrimo.

As Xornadas están organizadas pola  Deputación de Ourense, a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e dos diferentes concellos anfitrións.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------