O CCA do Carballiño presenta mañá unha plataforma dixital de atención aos clientes do comercio local

A Asociación de Comerciantes Carballiño CCA anuncia a implantación de LoPróximo, unha novidosa plataforma de atención dixital colectiva desde a que os comerciantes van poder atender as solicitudes de veciños e veciñas interesados en atopar, de forma rápida e sen esforzo, os mellores produtos e servizos dispoñibles no comercio local de O Carballiño.

A plataforma, que está accesible en https://loproximo.com, estará aberta a todas as persoas interesadas en atopar as mellores propostas ou asesoramento especializado do comercio local de Carballiño, para calquera necesidade de compra, e a través dunha experiencia dixital sinxela e moi intuitiva. Basta con describir coas propias palabras o que se está a buscar, e agardar a recibir as propostas a medida elaboradas polos comerciantes locais. Unha vez seleccionada unha proposta, basta acudir directamente ao establecemento para realizar a compra, ou acordar co comerciante calquera outra modalidade de entrega.

Co obxectivo de dar a coñecer esta iniciativa á cidadanía, mañá, mércores 20 de agosto, celébrase un acto de presentación na Casa do Concello, que terá lugar ás 12, 00 horas no salón de plenos, e que contará coa presenza de Gabriel Alén, Director Xeral de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia; Lorena Castro, concelleira de Educación do Concello de O Carballiño; Noelia Mares, Xerente do CCA; e Eduardo Rodríguez socio fundador de LoPróximo.

Con esta iniciativa, o centro comercial aberto de O Carballiño consolida a súa aposta pola dinamización da actividade comercial do municipio a través da modernización e a innovación tecnolóxica, mais preservando os valores esenciais e os beneficios únicos que ofrece o pequeno
comercio de proximidade, e sitúase á vangarda do comercio de proximidade, sendo pioneiros na implantación dun modelo de servizo de atención dixital que transformará o modo no que as persoas nos relacionaremos no futuro co noso comercio local, e que xa obtivo o recoñecemento como a mellor iniciativa de dinamización comercial dos últimos tres anos en Galicia (Premios do Comercio
Galego 2024, Xunta de Galicia).

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------