Últimos días para solicitar a adhesión de empresas e servizos turísticos ao SICTED “Ourense Termal”

A Deputación de Ourense, a través do Inorde, ten aberto o prazo para solicitar a adhesión de empresas e servizos turísticos ao Sistema de Calidade Turística en Destino (SICTED) “Ourense Termal” que actualmente xa conta con 50 entidades distinguidas dos sectores de aloxamento, restauración, termalismo, comercio, transporte, guías de turismo, museos, oficinas de turismo e axencias de viaxes.

A participación no SICTED é completamente gratuíta para as empresas que se poden unir a este proxecto para mellorar a súa calidade a partir da formación e implantación de boas practicas asesorados por expertos.

Durante o primeiro ciclo teñen que asistir a varias sesións de formación e recibir dúas visitas dos asesores nas súas instalacións para traballar na implantación de boas prácticas e detectar áreas de mellora. Ao final do proceso recibirán unha avaliación para verificar que se compren cos requisitos e que se conta cun plan de mellora.

O obxectivo é desenvolver o proxecto a partir do mes de setembro de 2025 realizando as diversas tarefas de maneira escalada e adaptadas a dispoñibilidade dos participantes.

Os interesados poden inscribirse no SICTED ata o 27 de agosto a través do seguinte formulario: https://www.calidadendestino.es/Contenidos/AdhesionSistema.aspx

O proceso tamén se reinicia para as empresas de ciclo 2 e 3 que serán contactadas proximamente para informar sobre os seguintes pasos en canto a datas de formación, asistencias técnicas e avaliación.

O SICTED é un proxecto da Secretaría de Estado de Turismo que acredita aos participantes e recoñece o seu esforzo e compromiso coa calidade e a mellora continua, a través do distintivo “Compromiso de Calidade Turística” que obteñen os destinos, empresas e entidades adheridas logo de cumprir os requisitos esixidos por SETUR.

A Deputación, a través do Inorde, impulsa o SICTED co apoio e o cofinanciamento do Plan de Sustentabilidade Turística “Ourense Termal”.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------