O éxito da ‘Feira do Stock de Verán’ tradúxose nun volume de vendas próximo aos 45.000 euros

A Asociación Carballiño Centro Comercial Aberto (CCA) fai un balance moi satisfactorio da Feira de Stock de Verán, celebrada os días 22, 23 e 24 de agosto (venres, saábado e domingo) na Praza Maior da vila. Un evento xa consolidado que volveu contar cunha gran resposta por parte de establecementos e visitantes. As vendas rexistradas polos 16 comercios participantes mantivéronse en niveis similares e mesmo superiores aos de edicións anteriores. Nesta ocasión, a feira alcanzou un volume de negocio próximo aos 45.000 euros, cun índice de satisfacción do 90 % entre os comercios participantes, o que confirma a boa acollida desta iniciativa.

Durante os tres días de feira repartíronse preto de 2.000 papeletas de participación para o sorteo de seis vales de compra de 50 €, que se realizou de maneira presencial na tarde do domingo. Estes vales, destinados a consumirse na propia feira, xeraron unha gran expectación entre o público asistente. A caseta de Carballiño CCA tamén se converteu nun punto de referencia para veciños e turistas, que se achegaron a informarse sobre a plataforma ‘Lopróximo’, recibindo a proposta con gran interese e acollida. ‘Lopróximo’ é unha plataforma dixital impulsada por Carballiño CCA , cuxo obxectivo é achegar aos veciños e visitantes a posibilidade de coñecer, comparar e comprar produtos do comercio de proximidade, facilitando a conexión entre clientes e establecementos da vila. Deste xeito, contribúe a modernizar e dar visibilidade ao pequeno comercio, poñendo en valor a súa proximidade, confianza e trato personalizado.

A xerente de Carballiño CCA, Noelia Mares, subliñou que a feira representa “unha ocasión ideal para que tanto veciños como visitantes poidan acceder a artigos de calidade con prezos moi vantaxosos, o que contribúe a reforzar a relación entre o consumidor e o comercio local”. Así mesmo, pon en valor que este tipo de eventos “transcenden o espazo da praza, sumando tamén aos establecementos da rúa, que se integran na iniciativa ofrecendo as súas propias propostas”. Desde Carballiño CCA recálcase que accións como esta son fundamentais para impulsar a actividade comercial da vila, fidelizar á clientela habitual e captar novos visitantes. A organización do evento contou co respaldo do Concello do Carballiño e o cofinanciamento da Xunta de Galicia, un apoio institucional que reforza o compromiso coa dinamización do comercio local e a posta en valor da actividade económica e social da vila.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------