Ribadavia celebra as ‘Xornadas Europeas da Cultura Sefardí’ baixo o lema “O pobo do libro”

Ribadavia será un dos escenarios protagonistas das Xornadas Europeas da Cultura Sefardí 2025, que este ano levan por título “People of the Book” (O pobo do libro). A cerimonia de inauguración celebrouse o pasado 31 de agosto en Estocolmo e, a partir do 7 de setembro, numerosas cidades europeas acollerán actividades arredor da memoria e do legado sefardí. No caso da nosa vila, o programa desenvolverase entre o 3 e o 27 de setembro cun amplo abano de propostas culturais, gastronómicas e divulgativas.

O arranque das actividades terá lugar os días 3 e 4 de setembro cun obradoiro de repostaría titulado “O pobo do libro”, que se celebrará na Cafetería do IES Ribeiro e permitirá aos participantes achegarse á tradición doceira sefardí. O día 4, ás 20.00 horas, será a quenda da conferencia “A gastronomía do pobo do libro”, impartida por Chema Dapena na Sala do Centro de Información Xudía de Galicia, situada na Oficina de Turismo de Ribadavia.

A fin de semana do 13 e 14 de setembro abrirá as portas o Museo Sefardí de Galicia, ofrecendo aos visitantes a oportunidade de coñecer o seu valioso patrimonio en horario ampliado, mentres que o domingo 14 terá lugar unha visita guiada pola xudería de Ribadavia, con saída desde a Oficina de Turismo ás 12.00 horas e de balde para todo o público.

O mes de setembro pecharase cunha proposta especialmente saborosa: durante os días 26 e 27, diversos establecementos de hostalaría e restauración da vila ofrecerán pratos e receitas inspiradas na tradición sefardí, permitindo que veciños e visitantes degusten unha cociña chea de historia e simbolismo.

As Xornadas Europeas da Cultura Sefardí 2025 están organizadas polo Concello de Ribadavia en colaboración coa Red de Juderías de España – Caminos de Sefarad e a AEPJ (European Association for the Preservation of Jewish Heritage).

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------