Este verán, 160 nenas e nenos da nosa comarca encheron de vida Lodoselo, participando no noso campamento rural: Concilia de Verán. Para nós, no CDR O Viso, a conciliación da vida familiar, persoal e laboral na comarca é unha prioridade, e este campamento é a maior demostración de que é posible.
O noso obxectivo principal non é só ofrecer unha solución ás familias para xestionar o seu tempo de traballo; o noso corazón e a nosa filosofía están postos na infancia. O noso desexo é que cada neno e cada nena atopen aquí un espazo seguro, cheo de coidado e con respecto absoluto pola súas características individuais..
O sentido da nosa labor aparece en pequenos detalles como observar algunhas crianzas emocionadas e cheas de entusiasmo desexando facer as tarefas diarias como coidar os animais, regar ou os traballos na horta . Ademais, no día a día desta experiencia, tamén nos colma de gratitude ver como persoas maiores e crianzas comparten tempo de calidade para falar, repartir aloumiños, xogar, pasear, cantar e aprender uns dos outros.
Dicía un proverbio africano que para educar unha nena ou neno é necesaria unha tribo enteira. A significatividade do concilia rural do CDR O Viso reside na aprendizaxe comunitaria. É dicir, para nós é esencial que as crianzas vivan con pracer e ilusión, dende a súa liberdade de elección, experiencias en comunidade, aprendendo con e das demais persoas, incluíndo as plantas e animais cos que convivimos. Por exemplo, vivencias como ripar o liño coas persoas maiores do Centro do día, coller verzas para darlle de comer ás pitas, xogos na piscina de Vilaseca ou ver que naceu unha nova integrante do noso rabaño de ovellas.
Foi un verán cheo de emocións e vivencias inesquecibles, porque cada actividade ten un sentido profundo, tanto comunitario coma ambiental. No Concilia, a noso lema baséase na premisa de: Coidarme, Coidarte e Coidarnos. O noso maior logro nace da absoluta confianza na infancia, da convicción de que debemos contar coas nenas e nenos en cada paso. E a chave de todo isto está no noso equipo educativo, un grupo de profesionais con perfís moi diversos pero unidos por unha sólida visión común: a de saber coidar e estar coa infancia. É un equipo que vive con paixón o seu traballo, que goza aprendendo, que se compromete significativamente coa nosa terra e cos seres vivos que nela habitan. Gracias Mila, Andrés, Belén, Íñigo, Hugo, Mónica, Alba, Vallery, Wissal…
Esta aventura non sería posible sen a participación e entrega de persoas coma Pili, o Eloi, a Rosa, o Alberto, o Toño, o equipo do centro de inclusión, a Miriam, o Camilo, o Jesús ( Rutas) e todo o persoal do CDR que nos transmitiu toda a axuda, agarimo e apoio durante todo o verán. Moitísimas grazas.
Esta actividade forma parte do programa Concilia Rural, financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, dentro da subvención para a implantación de programas de interese social con cargo á asignación fiscal do 0,7% do IRPF.
160 nenas e nenos da comarca encheron de vida Lodoselo, participando no campamento rural
PUBLICIDADE
---------------------------------------------------------------------------------------------------