O ‘III Memorial José Luis Blanco’ reúne este sábado no Carballiño a auténticas xoias sobre rodas

O Club de Vehículos Históricos de Galicia organiza un ano máis a concentración e ruta adicada a José Luis Blanco, o fundador da entidade. Será este vindeiro sábado, 6 de setembro, cando se celebre no Carballiño o ‘III Memorial José Luis Blanco’, que reunirá a un cento de automóbiles construídos nos primeiros anos do pasado século.

A Praza Maior da vila do Arenteiro acolleu no mediodía de hoxe a presentación do evento, coa presenza dos concelleiros de Cultura e Turismo, Diego Fernández e Manuel Dacal, e o voceiro da organización, Rogelio González, que estivo acompañado por Sindo Padilla e outros directivos do club. Tal e como subliñou Rogelio González “non é un concentración, é un auténtico museo rodante”

Rolls Royce, Buick, Citroën, Aston Martin, Opel ou Ford, entre outros vehículos dos anos 30 e 40 do século XX, concentraranse ás 10,00 horas na praza do templo da Veracruz, para despois saír cara ao Castro de San Cibrán de Lás, en San Amaro, e posteriormente visitar o Museo Estanislao Reverter, na estación de Santa Cruz de Arrabaldo (Ourense).

Finalmente, polas estradas secundarias dos municipios de Cenlle e San Amaro achegaranse ata a localidade de Dacón (Maside), antes de voltar ao Carballiño e reunirse os pilotos nun xantar de confraternidade no Parque Municipal. Serán un total de 57,7 quilómetros de ruta que percorrerán nun tempo máximo estimado superior á hora e media (100 minutos).

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------