“Salvar o río Arenteiro”

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Premer na Imaxe



A situación: A ampliación do Polígono Industrial necesita máis auga

Dende o 5 de agosto e ata o próximo día 17 de setembro, na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, da Xunta de Galicia, pódese consultar o borrador da Ampliación do Parque Empresarial do Carballiño ‐ Maside, para que se presenten observacións e suxestións. (https://medioambiente.xunta.gal/medio-ambiente-e-sostibilidade).

O Polígono Industrial do Carballiño ten 40,680 ha, polo que a concesión de dotación de auga máxima anual, para cubrir as actuais necesidades de abastecemento, é de 244.080 m3/ano, (6.000 m3/ha∙ano).

Como a Ampliación do Polígono Industrial ten unha superficie de 88,647 ha, a dotación de auga máxima anual, para cubrir as necesidades de abastecenento do novo uso industrial, será de 531.886 m3/ano (6.000 m3/ha∙ano).

Polo tanto, a dotación de auga máxima total, para cubrir as necesidades de abastecemento do Polígono Industrial existente e a da súa Ampliación, será de 775.966 m3/ano. (244.080,00 m3/ano + 531.886 m3/ano = 775.966 m3/ano). Pero, como a concesión da dotación máxima existente na actualidade na Mancomunidade O Carballiño – Maside, para o uso industrial, é de 604.080 m/ano, teriamos unha insuficiencia de auga de 171.886 m3/ano:

A solución que se propón: Coller máis auga do río Arenteiro

A Mancomunidade O Carballiño – Maside, co obxectivo de cubrir este déficit, presentou ante a Confederación Hidrográfica do Miño Sil, en diante a Confederación, a solicitude de incremento do caudal da concesión de auga a derivar do río Arenteiro, para pasar dos actuais 84,72 l/s a 96,86 l/s, un aumento do consumo de auga do 14,33% (BOE 25.04.2025).

Recursos hidraúlicos da Estación de Aforos de O Carballiño (31/8/2025 ). Fonte CHMS e elaboración propia.

A realidade: O río xa está en mal estado

Neste contexto de déficit hídrico, convén suliñar que as condicións do Río Arenteiro non son nada boas.  Na imaxe da información fornecida pola Confederación, da súa Estación de Aforos de O Carballiño, do 31 de agosto de 2025, pódese apreciar que o caudal foi de 0,10 metros cúbicos por segundo, o que o situou no extremo máis inferior da escala de caudais, é dicir, “moi baixo” (de cor marrón na anterior imaxe).

Con menos auga fluindo, os contaminantes orgánicos e inorgánicos, xeralmente procedentes de augas residuais urbanas ou de actividades gandeiras, como o nitróxeno e o fósforo, concéntranse máis. Asimesmo, os volúmenes menores de auga ao subir as temperaturas quéntanse máis rápidamente. Estes dous factores crean as condición ideais para que se formen na superficie unhas características capas ou “mantas” verdes de algas. Este fenómeno, coñecido como eutrofización, é especialmente común, durante as épocas secas, en ríos afectados pola extracción excesiva de auga.

Nas seguintes imaxes mostrase o estado de eutrofización no que se atopou o tramo do río Arenteiro, de máis de 2 km de lonxitude, ao seu paso polo O Carballiño:

Deste xeito, pensar nun aumento da actual concesión de abastecemento para levar a cabo a Ampliación do Polígono Industrial, na desmesurada extensión de superficie industrial que se propón, supoñería poñer ao río Arenteiro nunha situación límite de colapso biolóxico, é dicir, en risco de que se poida producir unha perda permanente da calidade das condicións ambientais, sen posible recuperación, mesmo coa adopción de medidas protectoras ou correctoras.

Ademáis, a poboación pode sofrir problemas de abastecemento

No que respecta a a seguridade hídrica para o abastecemento da poboación, cabe sinalar o reiterado incumprimento na Unidade de Demanda Urbana (UDU) do Carballiño, dos criterios de garantía do abastecemento establecidos na Instrución de Planificación Hidrolóxica da Confederación, como se aprecia na seguinte táboa:

Asimesmo, como se pode ver, a relación entre o volume total abastecido e o volume total demandado (garantía volumétrica media) reduciuse un 10%, feito que se manifiesta especialmente durante os meses de verán. É dicir, nos últimos cinco anos produciuse unha importante deterioración na capacidade do sistema de subministración de auga do Carballiño.

A este respecto, tamén cabe subliñar que no Anexo IV do Plan Hidrolóxico Miño Sil 2022-2027, conclúese que “As UDU de Avión, Carballiño e Salvaterra, presentan problemas de subministración xeneralizada durante os meses de veránrequiren actuacións para garantir a súa subministración durante os meses de verán”.

Nin que dicir ten que, é evidente que un incremento do caudal da concesión de auga a derivar do río Arenteiro, podería poñer en grave perigo a xa deteriorada seguridade hídrica para o abastecemento da poboación da Mancomunidade Carballiño – Maside. 

A solución proposta: Protexer o Río e á xente

1.- Dicir NON ao aumento da concesión de auga.

Para manter a vida piscícola de maneira natural e a súa vexetación de ribeira, así como, para manter a seguridade hídrica para o abastecemento da poboación, en ningún caso as necesidades hídricas da Ampliación do Polígono Industrial poderán superar a dotación establecida na vixente concesión de auga, outorgada pola Confederación (604.080 m³/ano). É dicir, QUE A CONFEDERACIÓN DETERMINE QUE NON PROCEDE AUTORIZAR Á MANCOMUNIDADE O CARBALLIÑO – MASIDE UN INCREMENTO DO CAUDAL DA CONCESIÓN.

2.- Buscar UNHA ALTERNATIVA de subministro de auga.

Nestas circunstancias, un aumento dos consumos de auga, para atender ás necesidades de novos usos industriais, non só podería levar ao colapso biolóxico do Río Arenteiro, se non que poñería en grave risco o abastecemento á poboación durante os meses de verán. Deste xeito, A VIABILIDADE DE AMPLIACIÓN DO POLÍGONO INDUSTRIAL PASA INEVITABLEMENTE POR BUSCAR UNHA ALTERNATIVA DE ABASTECEMENTO DE AUGA DIFERENTE DA DO RÍO ARENTEIRO.

3.- Elaborar UN PLAN para sanear o Río Arenteiro.

Así mesmo, É URXENTE QUE A CONFEDERACIÓN ELABORE UN PLAN INTEGRAL DE SANEAMENTO DO RÍO ARENTEIRO, incluíndo aos seus dous principais afluentes, os ríos Marañao e Pedriña, QUE PERMITA RECUPERAR A SÚA CALIDADE AMBIENTAL.

Este artígo foi elaborado pola SECCIÓN DE MEDIO AMBIENTE do CENTRO DE ESTUDIOS CHAMOSO LAMAS.



PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------