O Concello de Ribadavia abre hoxe a solicitude de axudas de material escolar para o alumnado de educación infantil

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Concello de Ribadavia abre mañá, 11 de setembro, o prazo de solicitude das axudas de material escolar destinadas ao alumnado de Educación Infantil (3 a 5 anos) matriculado nos centros educativos do municipio para o curso 2025/2026. Trátase dunha medida que busca apoiar ás familias de Ribadavia no inicio do novo curso escolar, facilitando a adquisición de material e contribuíndo á igualdade de oportunidades na etapa educativa máis temperá. O financiamento realizarase con recursos propios municipais.

Poderán solicitar estas axudas as familias con fillos/as matriculados en Educación Infantil no CEIP Plurilingüe Ribadavia ou no CRA Amencer, sempre que tanto os proxenitores como os nenos/as estean empadroados en Ribadavia na data da convocatoria e manteñan o empadroamento ata o 31 de decembro de 2025.

As contías varían en función do curso, do centro educativo e da situación económica da unidade familiar:

  • CEIP Plurilingüe Ribadavia
    • 3 anos: 50 € (xeral) / 100 € (familias con ingresos inferiores a 1.800 €/mes)
    • 4 anos: 45 € (xeral) / 90 € (familias con ingresos inferiores a 1.800 €/mes)
    • 5 anos: 40 € (xeral) / 80 € (familias con ingresos inferiores a 1.800 €/mes)
  • CRA Amencer (3, 4 e 5 anos)
    • 15 € (xeral) / 30 € (familias con ingresos inferiores a 1.800 €/mes)

As solicitudes deberán presentarse acompañadas dunha fotocopia do libro de familia, DNI dos proxenitores ou titores legais, Nº de conta IBAN e o xustificante de ingresos no caso de familias con rendas inferiores a 3 veces o IPREM (1.800 €/mes), así como factura dun establecemento de Ribadavia co material adquirido. As familias que xa foron beneficiarias nos anos 2023 e 2024 estarán exentas de achegar a documentación complementaria, salvo a solicitude.

O prazo de solicitude abre mañá, 11 de setembro, e alongarase ata o 25 deste mes. Deberán presentarse no departamento de Servizos Sociais do Concello de Ribadavia. O primeiro día de clase foi entregado o modelo oficial de solicitude en todos os centros educativos para facilitar o acceso ás familias a estas axudas.

O Concello de Ribadavia reafirma así o seu compromiso coas familias e coa educación, apostando por medidas que axuden a aliviar o esforzo económico do inicio de curso.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------