A OMIX pon en marcha o primeiro ‘Roteiro de Oficios Artesanais’ de Ribadavia o vindeiro día 30

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Concello de Ribadavia, a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), pon en marcha a primeira edición do Roteiro de Oficios Artesanais de Ribadavia – R.O.A.R., unha iniciativa enmarcada no proxecto europeo CrafTS, financiado polo programa Erasmus+ da Comisión Europea.

Esta xornada busca poñer en valor os oficios artesanais tradicionais da vila, mesturando experiencias formativas, creativas e turísticas. Está dirixida a mocidade de entre 18 e 35 anos, con prazas limitadas (20) e inscrición previa. As persoas participantes poderán coñecer de preto a realidade do traballo artesanal a través de visitas a obradoiros, demostracións en directo, unha mesa redonda e obradoiros prácticos.

O martes 30 de setembro de 2025, Ribadavia converterase no epicentro da artesanía galega cun completo programa que inclúe:

  • 09:30 – 11:30 | Mesa redonda e presentacións de negocios locais (O Taller)
  • 11:30 – 12:00 | Coffee break
  • 12:00 – 12:30 | Traslado á confitería Sila
  • 12:30 – 13:30 | Obradoiros prácticos de doces típicos

A actividade contará coa participación de máximo 20 mozos e mozas, seleccionados en colaboración cos centros educativos da zona. O formulario de inscrición estará dispoñible proximamente a través da ligazón na bio de @omixribadavia e na web oficial da OMIX Ribadavia.

Entre os artesáns e proxectos participantes destacan:

  • Olueis, obradoiro floral de flores secas e preservadas dirixido por Sonia Álvarez, recoñecida polas súas composicións artísticas a nivel nacional.
  • Madejas Tejerlo, proxecto artesanal de tecido e ganchillo fundado por Iván e Fran, que combina venda de materiais e obradoiros creativos.
  • O Taller, espazo creativo fundado por Nerea Suárez, nova emprendedora con estudos en Belas Artes, que ofrece obradoiros de pintura, vidro, papel maché e máis.

Cada participante ofrecerá demostracións en vivo e terá un espazo expositivo cos seus materiais, deseños e proxectos realizados.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------