Discurso de Avelino Muleiro na entrega dos premios Bacelos de prata 2025

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Este sábado nun solemne acto celebrado na Adega do Pazo dos Ulloa en Esposende-Ribadavia entregáronse os premios Bacelos de Prata 2025, que con grande satisfacción foron recibidos por empresas que utilizan o galego no etiquetado dos seus produtos:

EMBUTIDOS LALINENSE, empresa familiar fundada en 1949 en Agruchave – Lalín (Pontevedra) que ao longo de máis de sete décadas consolidouse como unha referencia no sector cárnico galego elaborando produtos de alta calidade que comercializa nos mercados do país e doutras comunidades como Madrid, Barcelona, Euskadi, Andorra, Levante, etc.

ADEGAS BORDEL, adega familiar situada en Sarandóns, Abegondo (A Coruña), integrada na IXP Viño da Terra de Betanzos, que no ano 2006 iniciou un proxecto de recuperación vitivinícola nesta comarca histórica culminado en 2018 coa creación da súa propia adega recuperando castes autóctonas como o Branco Lexítimo e o Agudelo

Avelino Muleiro felicita ás empresas galegas premiadas (Adega Bordel e Embutidos Lalinese) pola súa calidade e por etiquetar en galego, destacando que os produtos locais son emisarios da lingua e a cultura.

Usa a cerimonia para lanzar unha mensaxe de alarma sobre os recentes incendios forestais. Denuncia que o lume non só queima árbores, senón que devora palabras, memoria e futuro: destrúe as paisaxes que dan vida aos produtos galegos, acelera o despoboamento (“a Galicia baleirada”) e, con iso, silencia o galego, xa que sen xente nas aldeas non hai quen fale a lingua.

Conclúe cun chamamento á acción: defender os montes é defender o galego, e defender a lingua é defender a vida. Pide políticas reais para unha Galicia verde, habitada e orgullosa.

DISCURSO INTEGRO DE AVELINO MULEIRO:

Autoridades.

Amigas e amigos:

Hoxe, un ano máis, reunímonos neste pazo dos Ulloa para celebrar unha nova entrega dos premios Bacelos de prata na súa XVII edición. E facémolo para felicitar ás empresas premiadas: a ADEGA BORDEL, unha adega familiar cun proxecto de recuperación de castes autóctonas para elaborar viños de recoñecida calidade como Bordelar, Xeixedo e Bordelar Tinto, e a empresa EMBUTIDOS LALINENSE, empresa familiar fundada en 1949, que ao longo de máis de sete décadas se consolidou como unha referencia no sector cárnico galego elaborando produtos de alta calidade. Ambas empresas, ademáis da calidade dos seus produtos, etiquetan en galego. Moitos parabéns ás dúas!

Cómpre lembrar que os produtos galegos non son só froito da nosa terra e do traballo das nosas mans, son tamén emisarios culturais que transportan consigo palabras, relatos e tradicións. Cada vez que nomeamos un queixo da Arzúa, un ribeiro de Gomariz, unha petada de pan de Cea ou unha empanada de Maside, estamos transmitindo lingua. Cada denominación de orixe, cada etiqueta na nosa fala, contribúe a facer do galego unha lingua viva, presente e recoñecida. 

Consumir e promover os produtos galegos significa apoiar a economía local, pero tamén significa darlle ao galego un espazo natural de prestixio e de futuro. Porque o idioma non vive só nos libros, senón tamén nas feiras, nos bares, na cociña e nas conversas do día a día. A lingua galega non se sostén unicamente na palabra escrita nin na transmisión escolar, senón tamén na vida cotiá. Nese sentido, os produtos galegos constitúen unha columna esencial para a dignificación e consolidación do galego. Ao pronunciar as palabras dos nosos produtos, non só nomeamos un alimento, senón que recoñecemos un territorio, unha historia e unha lingua.

E facemos esta defensa dos nosos produtos coa dor aínda quente e coa conciencia ferida polo lume que unha vez máis arrasou os montes de Galicia. Non falamos só de hectáreas queimadas, falamos de vidas truncadas, de árbores centenarias esmagadas en poucas horas, de séculos de coidado da terra esvaecéndose nunha nube de fume.

        Galicia é, ante todo, a súa fermosa paisaxe. É a verde e húmida terra que deu forma ao noso carácter e á nosa forma de falar. Pero cando un lume devora os nosos bosques, non só se queima a madeira, quéimase a terra que dá vida aos produtos locais que nos definen. Por iso, a paisaxe hai que protexela porque é a forma máis nobre de honrar a quen nos precedeu e de asegurar que as futuras xeracións poidan seguir falando a lingua da terra que lles dá a vida.

Arderon viñas, e con elas un dos piares da nosa economía agraria: o viño galego, que porta o noso nome e o noso acento por todo o mundo. Arderon os castiñeiros, moitos deles centenarios, coa perda de toneladas de castañas coas que se nutre a nosa economía. Arderon agros de patacas e de millo que alimentaron a tantas xeracións. Desapareceron árbores froiteiras, que eran sustento das familias e transmisoras dun saber popular que se perde cando xa non hai quen lle explique aos nenos cando se colleita o millo, as patacas, a mazá ou a cereixa.

Estes produtos non son só alimento e madeira, son pan e memoria, raíces fondas da nosa forma de vivir e unha extensión da nosa cultura campesiña e da nosa maneira de relacionarnos coa contorna.

Mais o lume non devorou só natureza. O lume tamén queima palabras. Cada aldea que se baleira, cada familia que marcha despois de ver o seu patrimonio reducido a cinzas, é unha voz menos para falar en galego, unha canción menos transmitida, un conto menos contado. A Galicia queimada contribúe tamén á Galicia que desaparece, porque sen xente que a habite e a nomee, a terra convértese nun deserto de memoria.

Por iso hoxe non choramos só a perda de tanta riqueza e de tanto patrimonio cultural, senón que tamén levantamos a voz para recuperar o perdido e para buscar a maneira de que nunca máis se repita esta devastación. Por todo iso, reivindicamos o dereito a vivir na nosa terra, a coidala, a falala, porque sen aldeas, sen xente, sen lingua, Galicia morre.

Esta destrución é tamén social. Os incendios aceleran a chamada “Galicia baleirada”, esa sucesión de aldeas abandonadas onde xa non hai quen limpe os montes, quen manteña os soutos, quen garde o equilibrio que durante séculos existiu entre as persoas e a súa contorna. Cando se perde a aldea, pérdese non só un espazo físico, senón unha maneira de vivir, unha identidade compartida.

E por iso hoxe debemos preguntarnos desde este pazo dos Ulloa, con honestidade e con dor: que Galicia lle queremos deixar ás xeracións vindeiras? Un monte convertido en eucaliptal e cinzas? Ou unha terra viva, chea de castiñeiros, mazairas, soutos e viñas, chea de aldeas onde fumeguen as lareiras e sigan falando en galego?

Por iso, este drama que hoxe denunciamos debe ser tamén un punto de inflexión. Galicia necesita políticas reais de prevención, de ordenación forestal, de recuperación do territorio. Precisa dignificar a vida no rural, apostar polo cultivo da nosa terra, poñer en valor o noso idioma, os nosos oficios, os nosos produtos.

O lume ensínanos que non hai tempo que perder. Cada hectárea queimada é unha historia que se vai. Pero nós, como pobo, temos a responsabilidade de escribir conxuntamente unha historia distinta: a dunha Galicia verde, viva, habitada, falada e orgullosa de si mesma.

O lume acelera a Galicia baleira, e a Galicia baleira é tamén unha Galicia sen lingua. Non debemos permitir que as cinzas substitúan a nosa palabra. Non deixemos que o silencio das cinzas lle gañe á palabra viva. Non deixemos que a soidade dun val queimado substitúa os risos das aldeas. Non deixemos que Galicia se borre a si mesma. Debemos defender os nosos montes porque é tamén defender o galego e a nosa cultura. E defender a nosa lingua é tamén defender a vida.

Moitas grazas.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------