Na semana pasada reuníase o xurado das Medallas Pro Ecclesia Diocesana 2025 para valorar as candidaturas recibidas e emitir o seu fallo cos galardonados deste ano. A entrega das medallas será o xoves 6 de novembro ás 20:00 horas no Auditorio municipal de O Carballiño, de mans do Bispo da Diocese, nun acto no que se presentará ademáis a memoria de actividades da Igrexa en Ourense.
RELACIÓN DE GALARDONADOS:
Evaristo Castro Piñeiro, sancristán de Mesego (O Carballiño), a quen os seus veciños describen coma un home serio, cabal, que centrou a súa vida en torno a dous piares: a Igrexa e a súa familia. Apaixonado da música, tiña unha prometedora carreira na escola naval de Marín pero, por circunstancias familiares, tivo que deixar ese camiño. Nunca falta no día a día da igrexa de Mesego e onde sexa requirido, sempre disposto a axudar, afable, xeneroso e discreto, pendente de cada detalle. Un home de profunda fe que colaborou sempre con afecto con todos os sacerdotes que teñen pasado pola parroquia.
Irmandade Penitencial e confraría de Nazarenos da Veracruz de O Carballiño, erixida canónicamente en decembro do 2007. Dende o seu nacemento preocupouse por recuperar tradicións e impulsar as procesións e demais actos de piedade da Semana Santa da Vila do Arenteiro; recuperando e restaurando imaxes xa existentes, así como enriquecendo o patrimonio cultural e artístico ao adquirir novas imaxes que, durante a Semana Santa, procesionan polas rúas de O Carballiño. Sen dúbida, o traballo da confraría, que na actualidade conta con douscentos confrades, permitiu o impulso das procesións e demais actos de piedade, atraendo fieis e turistas á vila, o que levou a que o pasado mes de xuño a Xunta de Galicia recoñecese a Semana Santa do Carballiño como festa de Interese Turístico de Galicia.

Parroquia Santa Mariña de Retorta. Durante o pasado mes de agosto distintas zonas da Diocese sufriron unha vaga de lumes. O domingo 17 a Igrexa parroquial de Retorta (Laza) estivo ameazada por un incendio. Ante a escaseza de medios para apagar o lume, os veciños de Retorta non dubidaron en saír con urxencia cos seus tractores con remolques cisterna, con palas e outros medios. Afortunadamente os medios oficiais chegaron a tempo para impedir o fatal desenlace, pero os veciños desta freguesía estiveron atentos e dispoñibles para salvagardar o seu templo, que coidan habitualmente tamén con esmero. Horas máis tarde o lume achegouse aos seus fogares e nesa ocasión si tiveron que empregarse a fondo para que non arderan vivendas. Este recoñecemento, outorgado a esta candidatura concreta que foi presentada para as Medallas Pro Ecclesia, faise extensivo tamén ós fregueses de tantas parroquias (Avión, Ribadavia, Beade, Carballeda de Avia, Oimbra, Monterrei, Cualedro, Verín, Laza, Maceda, Xinzo de Limia, Vilar de Barrio, San Cibrao das Viñas, Ourense…) que sufriron as dolorosas consecuencias dos incendios deste verán en Ourense.
Colexio Plurilingüe Santo Ángel – Calasancias, candidatura presentada no marco do centenario do colexio Santo Ángel, por eses cen anos educando xeracións de nenos e nenas en Ourense, acompañando familias e medrando xuntos en valores, coñecemento e esperanza. Xeracións de nenos e nenas teñen pasado polas súas aulas, medrando en coñecementos e valores cristiáns, levando consigo, aló onde teñen ido, a pegada do carisma Calasancio, baixo a tutela dos seus referentes, San José de Calasanz e o noso diocesano San Faustino Míguez, para axudar a cada alumno a descubrir a súa identidade, os seus talentos e a súa vocación. Educar non só é transmitir saberes, senón tamén acompañar aos nenos e mozos na aventura de coñecerse, de aprender a convivir e de atopar o seu lugar no mundo.
Gregoria Rodríguez Blanco, Aliada (pertence ó Instituto Secular Alianza en Jesús por María) nacida en Meire (Allariz) hai 92 anos, desenrolou a súa vida laboral traballando nunha Farmacia. Cando deixa esta tarefa, comeza a súa andadura na Delegación diocesana de Catequese, onde se converte nun referente: adicou 25 anos a esta labor, mentres a acompañaron as forzas, cun horario con dedicación completa, sen querer percibir nunca ningún tipo de retribución, entregando a súa vida ó traballo pola Igrexa coa súa presenza cada día nas oficinas do departamento de Catequese e Ensino.
María Benita Rodicio, freguesa da parroquia de Santa Cristina de Caxide (Parada de Sil), na que todos os días do ano hai flores naturais gracias a ela e a igrexa está quente para os demais porque ela acende a calefacción. Sempre disposta a colaborar e tomando a iniciativa, promotora das obras esenciais como o teito e o chan da igrexa, obras de relevancia económica e que polo tanto implicaban un risco á hora de pagar: un afrontar o medo e solucionar os problemas no que facía moito a súa fe cristiá. Orfa de nai dende moi nena, converteuse en nai de seus dez irmáns, sendo unha auténtica guía espiritual e terreal da súa familia. Foi mestra na escola de Teimende e catequista durante moitos anos en distintas partes de Ourense.
Rosa María Carrasco Araújo, natural de Nocedo do Val, ademais de polo seu servizo discreto e axuda desinteresada no ámbito parroquial en Verín, como catequista de mozos confirmandos entre outras moitas tarefas, pola súa colaboración con actividades diocesanas coma o campamento de verán en Porto do Son, no que exerceu como monitora, preocupándose do resto de monitores e voluntarios do campamento. Por adicar o seu tempo e esforzo aos demáis por amor á Igrexa, sempre cun sorriso.