A Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESADg) acolle o vindeiro martes, 14 de outubro, ás 11,00 horas, o acto de homenaxe e lección inaugural do curso a cargo do dramaturgo, director e actor Cándido Pazó. Natural do barrio vigués de Navia, Cándido Pazó é unha figura clave do teatro galego actual e un referente para as novas xeracións que cursan os seus estudos na escola de teatro de Galicia, ubicada no mesmo lugar en que o homenaxeado pasou a súa infancia. Cándido Pazó destaca tamén no xénero da narración oral, un traballo que evidencia a responsabilidade e o nivel de esixencia que un creador/a escénico/a debe ter tanto no coñecemento da oralidade da súa lingua propia como do coidado e compromiso coa súa tradición cultural, valores fundamentais que a ESAD quere transmitir ao seu alumnado.
O acto comezará ás 11,00 horas, coa asistencia de autoridades educativas e culturais e estará conducido pola profesora Cristina Domínguez, profesora na ESAD e membro do Consello da Cultura Galega. Haberá distintos momentos que recorden a traxectoria do autor como coloquios sobre os festivais nos que participou estreando espectáculos como Commedia, As do peixe, etc., ou intervencións de exalumnas e exalumnos con fragmentos de obras súas como Fillos do sol.
Adrián Ríos, Alba Bermúdez, Melania Cruz, María Armesto ou Santi Prego serán algunhas desas persoas que intervirán no acto como membros da comunidade educativa ou profesionais en activo que traballan e traballaron con Cándido Pazó e ao mesmo tempo desenvolveron a súa formación na ESADg. Outra das homenaxes do día terá lugar na Aula P5, que se renomeará co nome de Aula Cándido Pazó e onde se descubrirá unha imaxe para recordar o seu legado e a súa contribución ó sistema teatral e a mellora da calidade e da profesionalización do conxunto da cultura galega.
Finalmente, ás 16,30 horas, Gonçalo Amorím, director artístico do FITEI e do Teatro Experimental do Porto, institucións que tanta relación tiveron no intercambio escénico galego portugués do que Cándido Pazó tan activamente participou ao longo da súa carreira profesional, realizará unha Masterclass baixo o título “A dramaturxia como forma de traballo colectivo”. Gonçalo Amorim é experto en procesos de escrita colectiva para a escena, dende a metodoloxía de “conversas en escena”, adaptación de obras narrativas, convites rapsódicos, traducións, conversas transatlánticas (Transa Atlântica) ou a relación entre a creación musical e escenográfica.
Será un día de convivencia, intercambio, aprendizaxe, memoria e recoñecemento colectivo co cal o novo equipo directivo da ESAD pretende ir visibilizando os valores principais do seu proxecto para este centro artístico: cohesión, visión social da cultura, apertura á cidade, convivencia e posta en valor da memoria, do legado e da lingua galega como motor diferencial dunha escola de Artes escénicas aberta ao mundo.

















