A cidade de Pontevedra convértese, por segundo ano consecutivo, no epicentro da música bandística galega coa celebración do XVIII Certame Galego de Bandas de Música. Organizado pola Federación Galega de Bandas de Música Populares (FGBMP), este encontro de carácter anual reafirma o seu papel como escaparate da excelencia musical, da creación contemporánea e do compromiso interxeracional das bandas de música.
Este ano, o certame que cumpre a maioría de idade marca un punto de inflexión ao reunir un total de 20 bandas participantes, o maior número destas últimas edicións, con colectivos procedentes de Galicia, outras comunidades de España, Portugal e Colombia. A diversidade xeográfica e cultural das agrupacións reforza o carácter internacional do evento e consolida os lazos musicais entre Galicia e o país veciño,
Portugal, que aporta un cuarto dos músicos participantes. En total, serán máis de 1300 intérpretes os que subirán ao escenario do Pazo da
Cultura durante toda a fin de semana, con idades comprendidas entre os 6 e os 87 anos. Tanto o certame como todas as bandas participantes destacan pola súa aposta decidida polo relevo xeracional: o 45% dos músicos son menores de idade e o 75%
teñen menos de 30 anos, o que reflicte o dinamismo e a vitalidade das bandas actuais, e ademais chegando nesta edición a un 40% de participación feminina.
Por outra banda, a meirande parte dos músicos que participan no evento —dous terzos— son galegos, o que evidencia o arraigamento territorial e o compromiso das agrupacións locais coa formación musical. Estrutura e bandas participantes Cada banda interpretará tres obras: unha de presentación, unha de libre elección e unha obra obrigada de autoría galega, seleccionada entre as premiadas nas últimas
edicións do Concurso Galego de Composición.
As obras obrigadas desta edición son:
A miña primeira rapsodia, de Sergio Rodríguez Pena
O bosque dos druídas, de Francisco José Villaescusa López
A viaxe de Teucro, de Carlos Rodríguez Torres
O soño de Luzbel, de Vicente Carrasco
Diálogos con Arturo Souto, de Álvaro Cámara López
O certame desenvolverase ao longo da fin de semana, de acordo á seguinte
programación:
Sábado, 18 de outubro
● 10:00 – Sección Infantil
○ Banda Infantil da Unión Musical de Meaño
○ Banda Infantil de la EMM de Veguellina de Órbigo (León)
○ Chikiband 2.0 (Xinzo de Limia)
● 11:30 – Sección Xuvenil
○ Banda de Música Xuvenil de Arca
○ Banda Sinfónica Juvenil de Caldas (Colombia)
○ Banda – Escola da Banda de Música Municipal da Estrada
○ Banda Xuvenil da Agrupación Músico – Cultural de Ribadumia
● 16:30 – Sección Segunda
○ Banda Filarmónica Ovarense (Portugal)
○ Banda de Música Juventudes Musicales Universidad de León
○ Banda de Música de Arca
○ Agrupación Musical da Limia
Domingo, 19 de outubro
● 10:00 – Sección Terceira
○ Unión Musical de Coruxo
○ Ateneo Musical de Bembrive
○ Banda de Música Popular de Tui
○ Banda de Música Municipal de Padrón
○ Unión Musical de Tenorio
● 16:00 – Sección Primeira
○ Banda Musical de Loivos (Portugal)
○ Banda Artística de Merza
○ Banda Musical de Säo Cipriano “A Nova” (Portugal)
○ Banda Nova de Fermentelos (Portugal)
● 21:00 – Cerimonia de clausura e entrega de premios
Durante a cerimonia final, farase entrega dos galardóns e premios ás agrupacións
gañadoras de cada unha das seccións, nun acto que celebra a música de banda como
ferramenta de cohesión, identidade e innovación.