Os cativos do colexio Calvo Sotelo recibiron as súas doses na campaña de vacinación contra a gripe

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A campaña de vacinación contra a gripe por vía intranasal nos colexios promovida pola Xunta de Galicia busca chegar a 19.000 cativos de entre 3 e 11 anos. Trátase dun programa pioneiro que permitirá que, de xeito voluntario, os alumnos de Infantil e Primaria de 55 colexios de Galicia poidan ser vacinados contra a gripe nos seus propios centros por persoal de enfermería das áreas sanitarias.

Entre os centros de ensino elexidos na nosa comarca para este programa están o CEIP Terras de Maside (Maside) e o CEIP Calvo Sotelo e o colexio Sagrado Corazón (O Carballiño). Hoxe estivemos no colexio Calvo Sotelo, no que recibiron a vacina da gripe un total de 250 cativos, baixo a supervisión de Verónica Civeira, subdirectora da Área de Enfermería de Atención Primaria en Ourense.As nenas e nenos que non puideran recibir a vacina nos seus centros de ensino, a súa familia tamén pode pedir cita no seu Centro de Saúde para recibir a dose.

A Consellería de Sanidade opta pola vacinación vía intranasal que evita pinchazos e ten o obxectivo de acadar unha cobertura do 70% entre os rapaces nados entre 2014 e 2022 que estean matriculados nos centros que participan no proxecto piloto.

De xeito parello, onte arranca a campaña de vacinación infantil contra a gripe de carácter xeral en todos os centros de saúde da comunidade. Vai dirixida aos cativos entre 6 meses e 11 anos. As familias recibirán un SMS coa cita correspondente que non será precisa no caso de participar na vacinación piloto en centros escolares.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------