O Carballiño e Leiro optan aos galardóns dunha nova edición do concurso ‘Vilas en Flor’

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Carballiño e Leiro son dúas das localidades que están seleccionadas para participar na edición de 2025 do certame ‘Vilas en Flor’, que organiza a Fundación Juana de Vega, e no que concursan un total de 41 municipios galegos, que aspiran a recibir unha das cinco Flores de Honra. Éste é o galardón co que o programa recoñece a xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado da contorna seguindo a estela doutros similares xa en funcionamento en Aragón, Canarias, Cataluña e Valencia, ou en países como Francia (baixo o nome Villes et Villages Fleuris), Italia (Comuni Fioriti), Reino Unido (Britain in Bloom), Irlanda (Tidy Towns) ou Canadá (Communities in Bloom).

Por provincias, na Coruña hai 13 concellos adscritos; 20 en Pontevedra; 2 en Lugo e 6 en Ourense co denominador común de que todos eles teñen menos de 40.000 habitantes. O movemento ‘Vilas en Flor’ está promovido en Galicia pola Fundación Juana de Vega xunto con Asvinor (Asociación de Viveristas do Noroeste) e Agaexar (Asociación Galega de Empresas de Xardinería). Nesta edición, volve contar co patrocinio da Consellería de Medio Ambiente, a través do Instituto de Estudos do Territorio, así como de empresas do sector ambiental como son Husqvarna, Makita e Rain Bird.

A entrega dos galardóns ‘Vilas en Flor 2025’ terá lugar o venres 14 de novembro, ás 11,00 h, na localidade de Carballo (A Coruña), que o ano pasado conseguiu catro Flores de Honra.

Un equipo de expertos voluntarios xa está a percorrer Galicia para valorar o traballo realizado durante o ano pasado polos gobernos municipais para continuar mellorando a xestión dos seus espazos verdes, tendo en conta os aspectos contemplados nas bases. Estes son, entre outros, o coidado do patrimonio vexetal e paisaxístico; o respecto polo medio ambiente e a sustentabilidade; o uso social e as sinerxias coa actividade turística.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------