A Biblioteca Pública Municipal de Ribadavia vén de ser galardoada por novena vez cun dos Premios María Moliner de Fomento da Lectura, que outorga o Ministerio de Cultura ás bibliotecas públicas de municipios de menos de 50.000 habitantes. Estes prestixiosos galardóns recoñecen as iniciativas máis destacadas e innovadoras destinadas a promover o acceso ao libro e á lectura entre toda a cidadanía.
O proxecto presentado pola biblioteca ribadaviense abrangue un amplo conxunto de actividades desenvolvidas ao longo do ano e dirixidas a distintos sectores da poboación, con especial atención á infancia, á mocidade e á sensibilización arredor de temas de actualidade social e cultural. Entre as propostas máis relevantes figura o proxecto Lendas O Ribeiro–Tandil, froito do irmandamento coa Biblioteca Popular Sarmiento de Villa Italia, na Arxentina, e coa participación do IES O Ribeiro. A iniciativa consistiu na recollida de lendas tradicionais de ambas comunidades, interpretadas e gravadas en vídeo polo alumnado dos dous países, para logo seren difundidas a través das redes sociais e da canle de YouTube da biblioteca. Este proxecto intercultural serviu para conectar a tradición oral coa mocidade e fortalecer os lazos culturais entre Galicia e Arxentina.
Tamén se desenvolveu ao longo do ano o proxecto sobre reciclaxe, continuidade do iniciado o ano anterior arredor da Axenda 2030 e os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable, que xa fora premiado e que nesta ocasión contou de novo coa colaboración de Ecoembes. A través de contacontos, charlas e obradoiros, promoveuse a educación ambiental desde a biblioteca, apoiándose nos fondos bibliográficos relacionados coa temática e fomentando unha maior conciencia ecolóxica entre o público infantil e xuvenil.
Ademais, a biblioteca participou activamente nos campamentos de verán organizados polo Concello de Ribadavia, ofrecendo actividades de animación á lectura, obradoiros e contacontos centrados en valores de convivencia e respecto. Ao longo do ano tamén se celebraron diversas efemérides literarias e culturais, como o Día de Rosalía, o Día das Letras Galegas, o Día das Escritoras ou o Día da Muller, entre outras, que serven de fío condutor para manter viva a conexión entre a lectura e a realidade social e cultural do país. Unha ampla oferta de actividades que lle permite superar os 1.400 usuarios e usuarias.
Este novo recoñecemento do Ministerio de Cultura supón non só un aval ao traballo continuado da Biblioteca Pública Municipal de Ribadavia, senón tamén un estímulo para seguir innovando e achegando a lectura a toda a veciñanza. A actual corporación municipal reafirma así o seu compromiso coa cultura e coa promoción da lectura, un ámbito no que vén de realizar unha importante reforma das instalacións da biblioteca para convertela nun espazo máis moderno, acolledor e funcional.
A Biblioteca Municipal de Ribadavia quere expresar o seu agradecemento a todas as entidades, centros educativos e persoas que colaboraron nos diferentes proxectos, e convida á cidadanía a seguir participando activamente nas súas actividades, consolidando así este espazo como un referente cultural aberto e dinámico para toda a comunidade.