O Psdeg-Psoe de Ourense levará unha moción ao pleno para solicitar que o concello recupere a titularidade da ruela que comunica Lamas Carvajal coa praza do Bispo Cesáreo

Os socialistas sinalan que o camiño pertence ao Bispado de Ourense e solicitan que o Concello leve a cabo as xestións oportunas para solicitar a súa cesión

Destacan que a recuperación da ruela permitiría acadar un novo acceso ao casco histórico e significaría a incorporación dunha das vías máis estreitas de Ourense ao rueiro municipal

AVANTAR ACTIVIDADES

PSdeG-PSOE de Ourense vén de anunciar que levará unha iniciativa ao vindeiro pleno municipal para pedir que o Concello solicite a titularidade da ruela que comunica a rúa Lamas Carvajal coa praza do Bispo Cesáreo co fin de acondicionala e poñela a disposición da veciñanza.

“A zona monumental Ourense é un tesouro histórico e arquitectónico, e o reclamo turístico máis sobresaínte desta cidade” asegurou o concelleiro Wilson Jones, ao tempo que salientou que este espazo, que consta no catastro como titularidade do Bispado, “sería a terceira vía de comunicación entre a rúa Lamas Carvajal e a praza do Bispo Cesáreo”.

Ademais, Jones lembrou que, segundo os historiadores, a rúa Lamas Carvajal era coñecida no s. XV como a rúa Nova, o centro neurálxico da vida xudía na cidade e o lugar onde se localizaría a sinagoga auriense, polo que “cómpre pór en valor a historia deste lugar a través da recuperación e significación do patrimonio”, defendeu. Neste sentido, Jones reivindicou que “non podemos permitir que esta ruela, en pleno corazón do casco histórico, permaneza pechada froito do desleixo e o abandono do goberno local”.

No texto da iniciativa, os socialistas sinalan que a recuperación deste emblemático camiño por parte do Concello permitiría a incorporación dunha das vías máis estreitas de Ourense ao rueiro municipal, ao tempo que serviría para eliminar un punto de feismo urbano e foco de vandalismo entre a Igrexa de Santa Eufemia e o Liceo Ourensán.

“Estamos falando unha oportunidade de pór en comunicación non só a cidadanía a través da apertura dunha nova vía senón tamén de conectarnos coa historia e recuperar a tradición xudía, tan esquecida nesta cidade”, manifestou o voceiro socialista, Rafa Villarino, quen reivindicou a necesidade de “facer os esforzos necesarios” para “rescatar este espazo do esquecemento”.