Gandeiros de Asoporcel visitaron a devesa salmantina para coñecer as prácticas de cría e manexo da raza porcina ibérica

----------------------------------------------------------------------------------------------------------
  • Participaron nesta xornada práctica un total de 36 persoas, entre os que se incluían 30 gandeiros pertencentes a Asoporcel.
  • Tiveron a oportunidade de coñecer in situ o manexo reprodutivo nunha granxa de porcos ibéricos e afondaron no método de traballo na fase de montanera.

Lugo, 18 de novembro de 2024. A Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), en colaboración coa Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel), organizou o pasado sábado, 16 de novembro, unha xornada práctica na devesa salmantina na que participaron un total de 36 persoas, entre os que se incluían 30 gandeiros pertencentes a Asoporcel.

A xornada permitiu aos asistentes coñecer de primeira man as prácticas innovadoras de manexo e alimentación empregadas en dúas ganderías de porco ibérico situadas en Castraz e Fuentes de Oñoro. A primeira parada foi nunha granxa de porcos ibéricos, onde coñeceron o sistema de manexo reprodutivo da piara, mentres que a segunda consistiu nunha visita a unha devesa, na que puideron afondar na dinámica da montanera, a última fase de cebado destes animais. Durante a xornada, púxose o foco, así mesmo, no manexo en silvopastoreo, na inclusión de forraxes na dieta, e na alimentación individualizada de nais reprodutoras e animais en fase de cebo.

O domingo día 17 no San Amaro: I Mercadillo de Primavera ----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Segundo os representantes de Asoporcel, este tipo de actividades son fundamentais para observar in situ técnicas que poden ser adaptadas ao manexo da raza Porco Celta en Galicia. A aprendizaxe sobre sistemas de alimentación sostible e a integración de prácticas que melloren a eficiencia produtiva contribúen á modernización das ganderías galegas, ademais de promover unha maior sustentabilidade e respecto polo medio ambiente.

“A visita foi unha oportunidade excelente para que os gandeiros galegos puideran ampliar os seus coñecementos sobre prácticas innovadoras que melloran a xestión e a produtividade das ganderías. O obxectivo é aplicar estas aprendizaxes ao Porco Celta, para potenciar o seu manexo e alimentación de forma eficiente e sostible”, afirmaron os voceiros de Asoporcel.

Esta iniciativa, enmarcada no Plan de Transferencia Tecnolóxica 2024, foi cofinanciada polo Feader, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, e a Comunidade Autónoma de Galicia. Segundo destacaron dende a asociación, actividades coma estas reforzan o compromiso das entidades organizadoras co desenvolvemento e capacitación dos profesionais do sector, contribuíndo a un futuro máis prometedor para a produción porcina en Galicia. A participación activa dos gandeiros e o seu interese por mellorar as súas prácticas evidencia o valor de continuar con este tipo de propostas de transferencia de tecnoloxía e boas prácticas.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------