O 16º Salón do Automóbil de Expourense pecha con 286 coches vendidos e máis de 10.500 visitas

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Salón do Automóbil de Expourense consolídase como o momento e o lugar preferido polos ourensáns para adquirir un novo coche. Así o demostran os datos de vendas e visitas desta 16ª edición que pechou as súasportas esta tarde logo de celebrar a cita adicada ao Vehículo Novo (a pasada semana) e ao Vehículo de Ocasión (cita desta fin de semana). Ambos os dous salóns celebráronse durante 6 xornadas de feira que atraeron ata o recinto de Expourense máis de 10.500 visitas que mercaron un total de 286 coches (122 novos e 164 de ocasión). Os organizadores mostraron a súa satisfacción por estes resultados e indican que esta edición cumpriu unha vez máis ás súas expectativas de público e vendas. Foi unha cita organizada de forma conxunta entre Expourense e A.C.A.U.T.O., coa colaboración da Deputación Provincial de Ourense, que contou coa participación de 15 concesionarios que representaban a 27 marcas.

A cifra de vendas ascenderá nos vindeiros días, xa que é frecuente que se pechen, durante esta semana e a próxima, operacións comezadas nestes salóns. A esta cifra hai que engadir tamén os 112 coches vendidos durante a última edición do Car Outlet organizada tamén entre Expourense e ACAUTO e celebrada no pasado mes de maio.

OS MELLORES ESTABLECEMENTOS

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Á vista destes datos, o Salón do Automóbil volveu cumprir o seu papel de cita esperada polos expositores, para incrementar as vendas do ano, e tamén polo público que agarda a este salón para mercar o seu novo coches, xa que sabe que no mesmo recinto pode consultar a meirande parte das opcións dispoñibles no mercado. Con estas cifras de vendas contribuirase a reducir a antigüedade do parque móbil de Ourense que, con 17 anos de media, é a máis alta de España.

Como incentivo para animar aos visitantes a axilizar o proceso de decisión, a organización volveu poñer en marcha o sorteo, entre aqueles que mercaron un automóbil durante o salón, un bono desconto por importe de 6.000 euros a descontar do prezo de venta do vehículo adquirido e que supón o desconto máis grande realizado en feiras deste tipo en Galicia. A.C.A.U.T.O. realizará esta semana o sorteo ante notario na sede da Confederación Empresarial de Ourense (o martes 28 de outubro ás 12.00 h.) entre as papeletas que cubriron os compradores. A entrega do bono desconto terá lugar o martes 4 de novembro no concesionario que tivera vendida o coche cuxo cupón resulte premiado.

A vindeira cita feiral de Expourense será xa a 26ª edición de Xantar, Salón Internacional de Turismo Gastronómico, que se celebra entre o 20 e o 23 de novembro.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------