O Concello de Ribadavia recibirá a próxima semana a 16 participantes procedentes de Italia, Portugal e diferentes puntos de España no marco do proxecto europeo Crafting Futures – Capacitar a mocidade mediante técnicas tradicionais (CRAFTS), unha iniciativa financiada polo programa Erasmus+ da Comisión Europea. Esta mobilidade internacional servirá como encontro de recompilación e avaliación das actividades locais desenvolvidas desde o inicio do proxecto, así como para poñer en común as boas prácticas e definir os próximos pasos a seguir de cara ao seu tramo final.
Os participantes chegarán a Ribadavia o luns 3 de novembro, dando comezo a uns días de convivencia e intercambio de experiencias arredor da artesanía tradicional e os oficios en risco de desaparición. O martes 4 pola mañá desenvolveranse sesións formativas centradas no coñecemento da artesanía tradicional e na identificación dos oficios que precisan dunha maior protección e impulso entre a mocidade.
OS MELLORES ESTABLECEMENTOS



Pola tarde, o grupo realizará unha visita cultural ao Museo Etnolóxico de Ribadavia e participará nunha cena na Igrexa da Madalena, elaborada con produtos de proximidade, onde se presentará tamén un exemplo de boas prácticas, o proxecto Pura Vila, desenvolvido na comarca do Ribeiro.
O mércores 5 celebrarase unha posta en común das experiencias e actividades realizadas en cada un dos países socios, acompañada dunha valoración final conxunta sobre o impacto do proxecto ata o momento e as liñas de traballo futuro.
O proxecto CRAFTS, liderado polo Concello de Ribadavia, conta coa colaboración das entidades Formative Footprint (España), Wise Planet (Portugal) e Studio GDAC Avvocati Associati (Italia). A iniciativa busca capacitar a mozos e mozas de entre 18 e 30 anos en situación de desemprego a través da recuperación e modernización dos oficios tradicionais, promovendo ao mesmo tempo unha economía circular e sostible baseada na artesanía.
Con esta nova actividade internacional, Ribadavia consolídase como referente na posta en valor da tradición artesanal como motor de innovación social e desenvolvemento local grazas á colaboración indispensable da xuventude e, así mesmo, promovéndoa entre ela.

















