Ourense, 28 de outubro de 2025. O grupo provincial do BNG na Deputación de Ourense, formado por Bernardo Varela, María Mangana e Xosé Manuel Puga, compareceu hoxe en rolda de prensa para anunciar a moción que o Bloque defenderá no pleno do vindeiro venres, na que esixe a paralización do proxecto de instalación dunha macroplanta de biogás en Xunqueira de Ambía, promovida pola empresa Biofertilizantes Xunqueira de Ambía S.L., pertencente ao grupo ENCE.
Desde o grupo nacionalista proponse instar á Xunta de Galiza á inmediata elaboración dunha normativa específica que regule a implantación das plantas de biogás, establecendo distancias mínimas respecto dos núcleos habitados, tal e como xa fan outras comunidades autónomas, e á paralización da tramitación do proxecto mentres non exista dita regulación.
O BNG demanda tamén a ampliación do prazo de alegacións en trinta días adicionais a contar desde a data na que se puido acceder efectivamente ao proxecto técnico, co fin de garantir a participación real da veciñanza e das entidades afectadas, logo de que o expediente estivese unha semana sen acceso público tras a súa publicación no DOG, e pide tamén que os servizos técnicos e xurídicos da Deputación elaboren alegacións en defensa dos intereses da veciñanza da Limia, dado que “unha avaliación técnica rigorosa chegaría á mesma conclusión ca nós: que se trata dun proxecto inviable”. Ademais, o BNG reclama que a Deputación non destine fondos públicos nin recursos materiais nin humanos á instalación de macroplantas de biogás ou biometano, xa que estas infraestruturas xa están hiperfinanciadas a través dos fondos Next Generation e carecen de retorno social ou ambiental para o territorio, e propón finalmente a creación dun programa formativo e informativo dirixido á cidadanía e ao sector agrogandeiro para divulgar as vantaxes das pequenas plantas de biogás vinculadas ás explotacións locais e orientadas ao autoconsumo enerxético como modelo sostible e de economía circular.
“Estamos ante unha macroplanta con capacidade para tratar 166.000 toneladas anuais de residuos, das cales máis de 80.000 serían puríns líquidos, situada nunha zona inundable e a escasos metros dunha ZEPA”, advertiu Bernardo Varela. “O proxecto non só é ambientalmente temerario, senón que ignora a realidade territorial e os riscos evidentes para as augas subterráneas e os mananciais da Limia.”
O portavoz do BNG subliñou que a empresa promotora pretende empregar o subproduto resultante do proceso, o chamado dixestato, como ‘biofertilizante verde líquido’, malia estar cargado de nitratos, o que suporía a súa vertedura directa sobre unha zona vulnerable a nitratos.
O deputado nacionalista destacou tamén o agravio coa veciñanza, logo de que no propio proxecto se xustifique a escolla do emprazamento “por tratarse dunha zona cunha suposta baixa capacidade de resposta cidadá, debido ao envellecemento da poboación”. “É un argumento profundamente ofensivo e inaceptable. A veciñanza da Limia ten dereito a ser escoitada e a defender o seu territorio fronte a proxectos que poñen en risco a súa saúde e o seu modo de vida”, engadiu.
Bernardo Varela lembrou que o BNG leva anos reclamando a posta en marcha íntegra do Plan Estratéxico da Limia, consensuado por todos os axentes da comarca, gandeiros, ecoloxistas, administracións e asociacións veciñais, e que continúa gardado nun caixón.”O Plan da Limia recolle medidas reais e sostibles para abordar o problema da Limia”, concluíu o portavoz nacionalista.
















