O novo plan de cooperación da Deputación de Ourense supón unha mellora moi considerable na distribución de fondos entre os municipios da provincia, sobre todo aqueles que, coma no caso do Carballiño, non percibían unha cantidade axeitada ás súas características poboacionais. Un programa que foi aprobado unánimemente polo pleno da Corporación provincial tras unha proposta do PSdeG-PSOE que foi apoiada polo resto dos grupos políticos con representación na institución. Un acordo que foi valorado hoxe por Diego Fernández, concelleiro de Cultura na vila do Arenteiro e deputado provincial pola comarca do Carballiño.
Tal e como apuntou o representante na Deputación, o financiamento anual das obras de infraestructura no Carballiño por parte da Deputación paso na actualidade duns 70.000 aos 700.000 euros, unha cantidade significativa tendo en conta a súa ampliación aos catro anos de mandato. Un exemplo delo son os traballos de acondicionamento que se están a levar a cabo nas rúas Serra Martiñá e Testeiro, que suponen un investimento superior aos 181.000 euros.
Outros proxectos previstos son de mellora no pavillón polideportivo Paco Chao, cun importe de 108.800 euros; a renovación dos pasos de cebra e reparacións na rúa Curros Enríquez e na praza Antonio Palacios, con 60.000 euros, e uns traballos de reforma na Toscaña por 5.000 euros, todos eles en vías de licitación ou adxudicación.