Coa colocación, a pasada semana, das novas canastras motorizadas, o Concello de Ribadavia dá por rematada a reforma do Pavillón Municipal de Maquiáns, unha actuación adxudicada pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional por un importe total de 48.315,84 euros.
Esta instalación, de titularidade municipal, ten un uso compartido entre o Concello de Ribadavia e o IES O Ribeiro. Durante o horario lectivo, funciona como aula de Educación Física do centro, mentres que nas tardes e fins de semana acolle as actividades do Consello Municipal de Deportes, que desenvolve adestramentos e competicións en convenio con diferentes entidades deportivas locais. Entre elas atópanse o C.E. Balonmán Ribadavia, o CDC Ribeiro, a Irmandade Deportiva Os Sarmiento, o Ribeiro Fútbol Sala ou o club de Ximnasia Rítmica Pavillón, ademais doutras asociacións que empregan o pavillón de maneira puntual.
OS MELLORES ESTABLECEMENTOS



As melloras realizadas permiten corrixir algunhas das deficiencias que presentaba esta infraestrutura deportiva. A instalación das novas canastras motorizadas fará posible celebrar adestramentos e competicións de baloncesto e minibasket en condicións óptimas, ao tempo que se incorporou unha pequena bancada independente da zona polideportiva principal. O proxecto tamén incluíu o traslado do cadro xeral de subministro eléctrico a unha zona común, a instalación dunha valla metálica para independizar o terreo de xogo e a reforma do almacén destinado a material deportivo, que agora conta cun acceso directo á pista para facilitar o traballo dos clubs e entidades usuarias.
O alcalde de Ribadavia, César Fernández, destacou a importancia desta actuación para a vida deportiva e educativa do municipio. “O Pavillón de Maquiáns é un espazo esencial para o deporte escolar e para a actividade física de centos de veciños e veciñas de Ribadavia. Con estas melloras damos un paso adiante na modernización das instalacións municipais, garantindo a súa seguridade, accesibilidade e funcionalidade tanto para o alumnado do IES O Ribeiro como para os clubs locais”, sinalou o rexedor.
Fernández engadiu que o goberno local continuará impulsando proxectos que contribúan á mellora dos equipamentos municipais: “O deporte é unha ferramenta fundamental de cohesión social e un vehículo para transmitir valores de esforzo, convivencia e vida saudable. Por iso, desde o Concello seguiremos traballando para que Ribadavia conte con infraestruturas deportivas modernas e de calidade, abertas a toda a cidadanía”.

















