A Xunta destina máis de 95.000 euros á mellora do abastecemento e sistema de depuración de augas residuais de pobos do concello da Bola

Publicidade ASPADISI

O delegado territorial da Xunta informou destas axudas á alcaldesa na visita desta mañá ao núcleo de Podentes

  • O delegado territorial explicou explicou que na provincia de Ourense 67 concellos percibirán 95 axudas destinadas a mellorar estes servizos de competencia municipal
  • Gabriel Alén aclarou que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade a través de Augas de Galicia, destina nestas dúas quendas preto de 9 millóns de euros para apoiar 217 actuacións en 152 municipios cunha poboación igual ou inferior aos 5.000 habitantes e garantir o mellor funcionamento destes servizos de competencia local

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou esta mañá o concello da Bola, para informar a súa alcaldesa, Teresa Barge, das axudas da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, de máis de 48.000 euros para a mellora do sistema de depuración de augas residuais no lugar de Podentes e de máis 47.000 euros para a mellora do abastecemento nos pobos de Seara e de Veiga.

HIPER MASIDE

O delegado territorial explicou que na provincia de Ourense 67 concellos percibirán 95 axudas destinadas a mellorar estes servizos de competencia municipal, das que 46 están destinadas a optimizar o funcionamento do abastecemento municipal e 49 á modernización, eficiencia e eficacia no saneamento e depuración.

Gabriel Alén aclarou  que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade xa outorgou nunha primeira quenda 105 axudas a 83 concellos para executar obras de abastecemento, saneamento e depuración, cun investimento global que rolda os 4 millóns de euros. Pero

a Xunta ampliou en preto de 5 millóns de euros as axudas que permitirán 112 novas actuacións de saneamento e abastecemento en 87 concellos.

Deste xeito, o Goberno galego, a través de Augas de Galicia, destina nestas dúas quendas preto de 9 millóns de euros para apoiar 217 actuacións en 152 municipios cunha poboación igual ou inferior aos 5.000 habitantes e garantir o mellor funcionamento destes servizos de competencia local.

O límite máximo das axudas é de 50.000 euros por solicitude, sendo compatibles ambas as liñas de actuación. Os concellos tiveron a opción de presentar dúas solicitudes, unha referida a actuacións en sistemas de abastecemento e outra para actuacións en sistemas de saneamento e depuración.

Estes incentivos, compatibles con outras axudas, subvencionan os investimentos realizados desde o 1 de xaneiro deste ano e inclúen, tanto os investimentos realizados na execución das propias obras, como os gastos asociados a elas en materia de actividades preventivas e accións de coordinación empresarial, de control de calidade ou de dirección dos traballos.

A Xunta segue a traballar cos concellos apoiándoos na adopción de medidas que garantan o mellor funcionamento dos servizos da auga, de competencia municipal, que redundan na calidade de vida dos veciños dos municipios máis pequenos de Galicia.

Esta actuación da Xunta conta co financiamento do eixo REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Plans de emerxencia fronte a seca

O delegado territorial tamén informou que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, concede axudas a 69 concellos, nos que está incluído o concello da Bola, para elaborar plans de emerxencia fronte á seca que supoñen un investimento de máis de 825.000 euros.

Gabriel Alén explicou que as axudas, dirixidas os concellos de menos de 50.000 habitantes, financian o 80% do custo da redacción do plan, cun importe de ata 15.000 euros por solicitude e subvencionan actuacións realizadas desde o 1 de xaneiro de 2021. Ademais, as axudas son compatibles co cofinanciamento que acheguen outras administracións públicas, como as deputacións provinciais.

Os plans de emerxencia fronte a seca son un instrumento clave para anticiparse e preparar solucións que garantan o abastecemento de auga á poboación.

Con estes incentivos, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade presta apoio técnico e financeiro en materia de augas aos concellos para que cada sistema de abastecemento dispoña do seu propio plan de emerxencia fronte á seca e teña claro como actuar ante unha situación de alerta.