O Psdeg de Ourense continúa a impulsar a creación dunha unidade de ictus no Chuo e a mellora do transporte sanitario urxente dos pacientes

IES CHAMOSO LAMAS

Villarino denuncia que, en contraposición coas outras provincias galegas “aquí non temos nin servizo especializado nin unidade de ictus”, unha situación “preocupante” polo “risco para a saúde”

Destacan a “importancia vital” de contar cunha unidade especializada nunha provincia como Ourense, que “é unha das máis envellecidas”, xa que o ictus “non só xera mortalidade, senón tamén morbilidade”

HIPER MASIDE

 O PSdeG-PSOE continúa a impulsar a creación dunha unidade de ictus no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), así como a reclamar ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) a mellora do transporte sanitario urxente dos pacientes con sospeita de ictus, co fin de poidan acceder á futura unidade de ictus en menos dunha hora desde calquera punto da provincia. “A diferencia entre contar ou non con esta unidade especializada pode ser vivir ou morrer”, destacan.

Desde o grupo provincial socialista insisten en que “é de xustiza que Ourense teña unha unidade”, xa que “Pontevedra conta cunha, A Coruña con dúas e en Lugo teñen un servizo de atención permanente, cun neurólogo especializado as 24 horas ao día”. Por iso defenden que aquí precisamos dunha unidade “polo tipo de poboación e pola dispersión xeográfica” e aseveran que “Lugo loitou durante moito tempo por unha unidade e finalmente conseguiuna, polo que creemos que Ourense non pode ser menos”.

O voceiro, Rafa Villarino, destaca que “pedimos para a nosa provincia que por fin contemos con esta unidade de ictus, que necesitamos por xustiza e porque as consecuencias sociais e de saúde así o recomendan”. Tamén lembra que os especialistas “reclaman esta unidade constantemente, pero nin a Xunta de Galicia nin o Sergas acordaron por en marcha unha medida de vital importancia para a saúde da veciñanza”.

O líder provincial do PSOE denunciou que, en contraposición coas outras provincias de Galicia, “aquí non temos nada, nin servizo especializado nin unidade de ictus”, unha situación que considera “preocupante” polo “risco que representa para a saúde da veciñanza”. “Os e as socialistas reivindicamos desde hai anos esta unidade” porque “en Ourense non somos menos que ninguén” e “temos os mesmos dereitos que o resto”. “Pedimos non ser desiguais á baixa”, remachou.

Dende o PSdeG-PSOE apuntan que estas enfermidades “son as principais causas de mortalidade”. Unha mortalidade que “aumenta considerablemente co paso dos anos”, xa que despois dos 55 anos “multiplícase por dous a posibilidade de sufrir un ictus cada década que pasa”. Por iso destacan a “importancia vital” de contar con esta unidade especializada nunha provincia como Ourense, que “é unha das máis envellecidas de España e Europa”, xa que o ictus “non só xera mortalidade, senón tamén morbilidade”. Os e as socialistas subliñan que “é unha das principais causas de incapacidade, que afecta particularmente as persoas maiores, que son maioría”.

Villarino denuncia este “vergoñento desleixo” por parte do goberno galego e salienta que desde o PSdeG-PSOE “movemos ficha unha vez máis e decidimos presentar unha batería de iniciativas nas que pedimos esta unidade en Ourense e tamén un transporte sanitario urxente, que permita que en menos dunha hora, todas aquelas persoas que sexan sospeitosas de padecer un ictus poidan chegar a tempo para curarse e restablecerse o máis rápido posible”.