A Fábrica de Papel do Carballiño converterase este martes, 4 de novembro, nun espazo de encontro, inspiración e colaboración para mulleres emprendedoras de toda a provincia. A Deputación de Ourense e a Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE) impulsan esta xornada baixo o título “Emprendedoras na Fábrica”, coa colaboración do Concello do Carballiño.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
O evento reunirá 30 emprendedoras procedentes de 30 concellos diferentes da provincia, que compartirán experiencias, aprendizaxes e desafíos a través de dez mesas sectoriais, nas que se abordarán ámbitos tan diversos como a publicidade, a saúde, o social, as artes, a educación, a estética, o comercio ou os sectores tradicionalmente masculinizados. Todo albergado nunha paraxe emblemática como é a Fábrica de Papel, restaurada recentemente e situada no ‘pulmón verde’ do Carballiño, no Parque Municipal a carón do río.
O obxectivo é “fabricar” relacións profesionais e persoais entre mulleres de presente e de futuro, creando un espazo de diálogo, posta en común e xeración de sinerxías arredor do emprendemento feminino, especialmente no medio rural.
A xornada comezará ás 8:45 horas coas acreditacións e contará cunha mesa de referentes, con emprendedoras como Nuria Iglesias (Mobify) e Alba Ferro (AJE), que compartirán o seu camiño e aprendizaxes. O programa inclúe tamén conferencias sobre asociacionismo, transformación dixital e activismo emprendedor, ademais de espazos de networking, café e xantar entre participantes.
Dende o Concello do Carballiño, que colabora na organización, destacan a importancia de acoller iniciativas deste tipo “que poñen en valor o talento feminino, impulsan o tecido empresarial da provincia e fomentan unha cultura emprendedora que contribúe ao desenvolvemento local e á igualdade de oportunidades”.

















