Esta iniciativa enmárcase no proxecto europeo Green Gap, que, entre outras, creará unha infraestrutura verde na contorna do encoro das Cunchas (Muíños) e desenvolverá a estratexia provincial de infraestruturas verdes, actuación incluída tamén como un dos compromisos da A2030 da Deputación de Ourense
A sesión concluíu cunha idea compartida: o futuro de Ourense debe planificarse de maneira equitativa, ruralizada e cientificamente fundamentada, avanzando cara a un modelo de desenvolvemento verdadeiramente sustentable, resiliente e inclusivo, aliñado cos principios da Axenda 2030



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Ourense, 7 de novembro de 2025.
A Aula Formativa do Centro Cultural Marcos Valcárcel acolleu un debate sobre xustiza territorial e infraestruturas verdes, organizado pola Deputación de Ourense no marco do proxecto europeo Green Gap, que promove a cooperación transfronteiriza en sustentabilidade ambiental, cohesión social e desenvolvemento rural.
En palabras de Xosé Miguel Pérez Blecua, deputado de Novas Tecnoloxías, Reto Demográfico e Dinamización Rural, “a aposta da Deputación de Ourense é firme e sostida, como demostra o feito de que o proxecto provincial para a implantación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable nos concellos ourensáns acadase, un ano máis, a subvención do Ministerio de Asuntos Sociais e Axenda 2030”.
Green Gap inclúe, entre outras actuacións, a creación dunha infraestrutura verde na contorna do encoro das Conchas (Muíños) e o desenvolvemento da estratexia provincial de infraestruturas verdes, unha das liñas prioritarias do compromiso da Deputación coa Axenda 2030.
O encontro reuniu especialistas do ámbito académico e técnico para debater como “aterrar” os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) no territorio ourensán, integrando sustentabilidade ambiental, innovación e participación cidadá.
Intervencións
A profesora María Isabel Doval abriu a xornada destacando que a Axenda 2030 “só pode cumprirse se se traduce en accións concretas a escala local”. Subliñou a necesidade de “localizar” os ODS e aplicar o enfoque rural proofing, que permite avaliar o impacto das políticas públicas no medio rural. Puxo como exemplo o caso de Barcelona, onde as infraestruturas verdes actúan como motor de transformación urbana e mellora da calidade de vida.
O investigador Pedro Orgeira achegou unha visión desde a innovación tecnolóxica e científica, explicando como a teledetección, os sensores e os satélites permiten identificar illas de calor urbano e vulnerabilidades climáticas, e así deseñar refuxios climáticos baseados na natureza máis precisos e eficientes. Destacou tamén o uso destas metodoloxías en Ourense, combinando datos científicos e planificación territorial.
Pola súa parte, Eva D. Castro centrou a súa intervención na dimensión social e de xénero das infraestruturas verdes, que —segundo sinalou— “deben concibirse como ferramentas de xustiza social e cohesión comunitaria”. Defendeu que estes espazos, se se deseñan de forma inclusiva e participativa, poden reducir desigualdades e fortalecer o tecido social, especialmente nos colectivos máis vulnerables e no ámbito rural.
Conclusións
A sesión concluíu cunha idea compartida: o futuro de Ourense debe planificarse de maneira equitativa, ruralizada e cientificamente fundamentada, avanzando cara a un modelo de desenvolvemento verdadeiramente sustentable, resiliente e inclusivo, aliñado cos principios da Axenda 2030.

















