O delegado territorial da Xunta en Ourense visitou esta mañá a un dos establecementos adheridos á 19ª edición do Outono Gastronómico, en Ramirás
- O delegado territorial explicou que nesta 19ª edición, son 16 os establecementos da provincia de Ourense que participan nesta iniciativa consolidada dende o 19 de setembro ata o 21 de decembro
- Manuel Pardo destacou que o obxectivo deste programa é dinamizar o turismo no eido rural e favorecer a desestacionalización neste período, e ao mesmo tempo promover a nosa singular gastronomía
- Desde 2007 a 2024, o programa xerou máis de 6,6M€ de ingresos no sector e participaron nel máis de 100.000 persoas
- Os prezos dos distintos paquetes oscilan entre os 37,50 e os 360 euros



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Ourense, 07 de novembro de 2025.- O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, acompañado do xefe de área de Turismo, Cecilio Santalices; da alcaldesa, Isabel Gil, e do presidente da Mancomunidade Terra de Celanova, Jaime Sousa, desprazouse esta mañá ao concello de Ramirás para visitar un dos establecementos adheridos a nova campaña da Axencia de Turismo de Galicia ‘Outono Gastronómico no Turismo Rural’, ‘Casa Ramirás’.
O delegado territorial explicou que nesta 19ª edición, son 16 os establecementos da provincia de Ourense que participan nesta iniciativa consolidada dende o 19 de setembro ata o 21 de decembro co gallo, segundo Manuel Pardo, “de dinamizar o turismo no eido rural e favorecer a desestacionalización neste período, e ao mesmo tempo promover a nosa singular gastronomía en combinación coas agradables estadías nas casas de turismo rural da nosa comunidade con modalidades e prezos moi atractivos”.
Manuel Pardo sinalou que a oferta do Outono Gastronómico “convértese nunha excelente oportunidade para atraer turistas de fóra, pero tamén para que os propios galegos poidan descubrir e gozar da paisaxe, da gastronomía e da calidade dos establecementos rurais de comarcas que aínda non coñezan”. Así, subliñou que desde 2007 a 2024, o programa xerou máis de 6,6M€ de ingresos no sector e participaron nel máis de 100.000 persoas.
Particularidade dos produtos e variedade das modalidades
O delegado territorial destacou que os establecementos participantes ofrecen dous menús coidados e baseados na calidade dos produtos galegos, deseñados especificamente para o Outono Gastronómico. Aquí teñen cabida tanto a cociña tradicional como a nova cociña con denominación de orixe galega; ámbalas dúas comprometidas coa redución da pegada de carbono, artesanais e de temporada.
Neste sentido, salientou ademais a variedade de propostas que poden elixir as persoas que queiran gozar desta experiencia desde o menú Outono gastronómico cun custe de 37,50€/persoa, que inclúe produtos de calidade de Galicia moitos deles con denominación de orixe ou con indicación xeográfica protexida; ou as que inclúen estadías na casa rural e oferta gastronómica como paquete Outono gastronómico por, 105€/persoa en cuarto individual e 165€/dúas persoas nun cuarto dobre; a fin de Semana Outono Gastronómico, 165€/persoa nun cuarto individual, e 260€/ dúas persoas en cuarto dobre; e a fin de Semana Familiar Outono Gastronómico, 310€/dous adultos con 1 neno ou nena nun cuarto dobre con cama supletoria, e 360€/dous adultos con dous nenos ou nenas en dous cuartos dobres.
Ademais, un total de 6 establecementos ourensás ofertan o Outono Plus, cun programa de actividades complementarias como paseos a cabalo, descenso en kayak, sendeirismo, visitas a adegas con degustación.
Promoción da campaña
O delegado territorial destacou tamén que Turismo de Galicia desenvolve tamén unha intensa promoción deste programa coa participación de 10 influencers que contribúen a difundir nas redes sociais as características deste programa. Ademais, tamén se levan a cabo concursos as propias redes sociais de Turismo de Galicia e edítanse 9.900 guías en castelán e galego que se distribúen nos establecementos participantes e nas oficinas de turismo e outros espazos públicos.
Os interesados nesta iniciativa poden atopar completa información nas guías promocionais dispoñibles nas oficinas de turismo e tamén na páxina web de Turismo de Galicia, www.turismo.gal.

















