O Carballiño gaña “3 Flores de Honra” no certame Vilas en Flor, no que participaron 41 concellos de toda Galicia

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Carballiño foi galardoado con “3 Flores de Honra” na entrega dos premios do concurso Vilas en Flor, nun acto celebrado hoxe na localidade coruñesa de Carballo. A concelleira de Servizos Públicos e Benestar Comunitario do Carballiño, Rosa Fuentes, foi a encargada de recoller o premio, como representante do Concello, no auditorio do Fórum Carballo, nunha gala que contou tamén coa presenza do alcalde de Carballo, Daniel Pérez, e da conselleira de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, Ángeles Vázquez.

Durante o seu discurso de benvida, Sáez Ponte, non esqueceu os beneficios ambientais, sociais, económicos, pero tamén culturais de Vilas en Flor. “A través deste programa promocionamos a mellora dos espazos comúns nos que convivimos, polos que pasamos todos os días. A calidade da paisaxe é calidade de vida. É das poucas cousas das que desfrutamos e que son gratis para todo o mundo, ricos e pobres. A boa paisaxe é democracia, cómpre levala a todas partes”. Na súa reflexión tamén sinalou que “as cousas bonitas, ben feitas crean cultura avanzada, transmiten un xeito de facer ben as cousas que entra devagar nos hábitos de todos para traballar con calidade e dar exemplo para que outros fagan o mesmo”.

Pola súa banda, Pedro Calaza, director da Área da Paisaxe da Fundación, quixo poñer en valor a experiencia e colaboración desinteresada do grupo de expertos que se desprazan por toda Galicia durante semanas para avaliar os programas ambientais dos municipios participantes. O xurado de Vilas en Flor 2025 estivo composto por 16 profesores universitarios, docentes de formación profesional, expertos profesionais do ámbito da paisaxe e do viveirismo, así como persoas que dedicaron a súa vida ao desenvolvemento territorial de Galicia.

Pola súa banda, Ángeles Vázquez, animou aos concellos a seguir desenvolvendo iniciativas que contribúan a ter vilas e cidades “máis verdes, cuidadas, sostibles e fermosas”. Nesa liña, a conselleira animou aos concellos a seguir creando infraestruturas verdes: “Cada xardín, cada praza e cada sendeiro é un exemplo do que significa apostar pola natureza como eixo de futuro”.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Entre os asistentes estiveron tamén Víctor Pérez, presidente de Agaexar e Fernando Otero, vicepresidente de Asvinor, ou Enrique de Salvador, director do Instituto de Estudos do Territorio.

Os patrocinadores desta edición son a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través do Instituto de Estudos do Territorio, e as empresas ambientais Husqvarna e Rain Bird.

Durante o encontro de hoxe tamén se presentou a nova imaxe e manual de marca de Vilas en Flor Galicia co obxectivo de que os concellos dispoñan dunha identidade unificada e de fácil uso para exercer o seu papel de “embaixadores” do movemento baixo un mesmo paraugas.

Desde 2018, o movemento Vilas en Flor Galicia ten como obxectivo mellorar a planificación, o deseño e a xestión das zonas verdes, urbanas e rurais nos municipios galegos de menos de 40.000 habitantes. A filosofía deste programa persegue unha mirada máis ecolóxica e sostible ao territorio, tanto desde un prisma estético como ecofuncional, entendendo o resultado, a paisaxe, como un escenario sinérxico onde conflúen valores ambientais, culturais, históricos e sociais para alcanzar mellores sitios para vivir para os seus habitantes.

Este é o camiño ao que neste 2025 se sumaron 41 municipios das catro provincias e aos que hoxe se lles fixo entrega dos galardóns que recoñecen con entre 1 e 5 Flores de Honra a súa execución ambiental:

FLORES DE HONRA 2025
4 Flores de Honra (5 concellos): Allariz, Carballo, Chantada, Salceda de Caselas, Tomiño.

3 Flores de Honra (13): Arteixo, Caldas de Reis, Cambados, Carballiño, Lalín, A Laracha, As Pontes de García Rodríguez, O Rosal, Salvaterra de Miño, San Sadurniño, As Somozas, Vilagarcía de Arousa, Vimianzo.

2 Flores de Honra (14): Abegondo, Cuntis, Curtis, A Guarda, Leiro, Manzaneda, Marín, Mondariz-Balneario, Oza-Cesuras, Ponteareas, Sada, Sanxenxo, Sarria, Tui.

1 Flor de Honra (9): Covelo, Culleredo, A Estrada, Mondariz, Mos, As Neves, Pobra de Trives, Ponteceso, San Xoán de Río.
PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------