Os viños de Adega Pousadoiro e Casal do Canteiro abriron en Ourense as catas solidarias do ciclo ‘CatArte’

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro deu onte o pistoletazo de saída á undécima edición do ciclo “CatArte” coa presentación conxunta de dúas das súas adegas de colleiteiro de Castrelo de Miño: Casal do Canteiro e Pousadoiro. Jonatán Pousada e Alfredo Fernández foron os encargados de guiar a presentación-cata dos seus viños, en total catro referencias entre brancos e tintos (Pousadoiro, Casal do Canteiro, Dona Gotto e O Tinto de Candela e Valentina), en total sintonía co novo grupo musical ourensán The Lie’s Project, que se encargou de ofrecer a nota musical desta primeira sesión.

O evento, con aforo completo, tivo lugar na planta baixa do Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense, onde está a exposición “A música do silencio” que rende homenaxe ao pintor Vidal Souto (1948-2021) recuperando do seu estudo obra inédita nun traballo comisariado por Tareixa Taboada en colaboración con Mari Carmen Vidal, irmá do artista, inaugurada onte mesmo.

Nesta undécima edición continuouse coas catas solidarias e todo o recadado coa venda de entradas solidarias irá dirixido integramente para a Asociación Diabética Auria de Ourense, entidade sen ánimo de lucro constituída no ano 2002 que ten por misión reunir ás persoas con diabete da provincia de Ourense e ás súas familias, coa finalidade de mellorar as súas condicións de vida e defender os seus dereitos sanitarios, educativos e sociais.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O ciclo celébrase durante tres xornadas no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, dende o 13 de novembro ata o 27 de novembro con presentacións e degustacións de viños de adegas da D.O. Ribeiro e con actuacións musicais. O seu aforo está limitado a 100 persoas por xornada, e as entradas solidarias, cun custo de 5€ por persoa, véndense a través da plataforma en liña “Entradium”.

O xoves 20 de novembro será o momento da cata de Adegas Casal de Armán cunha degustación dos seus viños, arroupados pola música de Verbena DJ. E para finalizar esta undécima edición, o broche final poñerao o xoves 27 de novembro Adega Alanís, que fará unha degustación dos seus viños en harmonía gastronómica con produtos de Galicia Calidade xunto coa actuación musical de Besbellos.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------